Un estudo de colaboración coa multi-cohorte Europeo-Australiana de Enfermidades Infecciosas RESPOND, liderado dende a Área Sanitaria de Ferrol, identifica determinantes preditores da non supresión virolóxica (cando non se suprime a carga viral en sangue) nos pacientes con infección crónica polo VIH que inician o tratamento antirretroviral. Este estudo forma parte do traballo de tese do doutoramento pola Universidade de Vigo de Hortensia Álvarez, profesional da Unidade de Enfermidades Infecciosas do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; que foi coordinado por Josep Llibre, médico e investigador do Servizo de Enfermidades Infecciosas do Hospital Germans Trias i Pujol, Badalona, e un dos directores desta tese.
O estudo vén de ser publicado como Major article en Clinical Infectious Diseases, unha revista científica de alto impacto. Así, traballaron tanto con pacientes de Europa como de Australia cuestionando cales son os determinantes para que pacientes con VIH teñan eventos de non supresión virolóxica: tanto viremia de baixo nivel en sangue (carga baixa de virus), como blips virais (aumentos transitorios de carga viral), viremia residual ou fracaso virolóxico. Concretamente, en como estes pacientes non acadan a supresión do virus, a pesar de estaren a se tratar con antirretrovirais.
Identificar determinantes
Este equipo identificou que eses eventos de non supresión virolóxica, unha vez iniciado o tratamento antirretroviral, están asociados cunha cifra basal (previa ó inicio do tratamento antirretroviral) elevada de ARN de VIH-1 (>100,000 copias/mL) e, tamén, cunha cifra baixa de linfocitos T CD4+ (< 200 células/µL). Así, ARN de VIH-1 e linfocitos T CD4+ son determinantes basais que se manteñen asociados coa aparición destes eventos de non supresión virolóxica, con independencia do tratamento antirretroviral iniciado. Para isto, incluíron unha análise de sensibilidade restrinxida cos antirretrovirais máis recentes (como son os inhibidores da integrasa como clase de antirretroviral; e outra análise restrinxida especificamente a dolutegravir, inhibidor de integrasa de segunda xeración recomendado nas guías actuais de tratamento antirretroviral).
Este achado ten un impacto na práctica clínica, pois suxire a existencia de mecanismos que se establecen en etapas moi precoces, previas ó inicio do tratamento antirretroviral, que son independentes do tratamento iniciado, e que, probablemente, están relacionados co establecemento dun maior reservorio viral de VIH. “Isto axúdanos a entender por que algúns pacientes teñen unha carga viral baixa e mantida no tempo a pesares de que aseguren que toman correctamente un tratamento antirretroviral eficaz”, indica Hortensia Álvarez, a profesional da Área Sanitaria de Ferrol.
Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.