A ÁREA SANITARIA DE FERROL SÚMASE Ó DÍA MUNDIAL DA ASMA CON RECOMENDACIÓNS PARA UN BO CONTROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 05 2023

​O Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol súmase ó Día Mundial da asma, que se celebra mañá, 2 de maio, e incide na oportunidade que esta xornada brinda para chamar a atención sobre esta enfermidade, e destacar que “o máis importante é manter un bo control e previr os ataques: cumprir o tratamento prescrito polo médico, acudir ás consultas médicas programadas, e ter un estilo de vida saudable”.

Dende este Servizo lembran as recomendacións de estilo saudable para un bo control da asma, consensuadas a nivel científico e que se centran en: acudir de xeito periódico ás consultas programadas co médico de familia ou co especialista; tomar sempre a medicación prescrita e cumprindo coas indicacións de dose, frecuencia e duración pactada; ou que o paciente cree un diario propio da asma, no que se recollan as síntomas, o tratamento, ou calquera axente que pareza un desencadeante dos abrochos.

Xunto con isto, tratar precozmente as síntomas cando aparezan; empregar correctamente os inhaladores; non fumar e evitar ambientes con fume; procurar respirar ar limpo e libre de alérxeno; realizar deporte e actividade física; manter hábitos alimentarios saudables, xa que a obesidade pode levar a un mal control da asma; e facer prevención de infeccións respiratorias, como lavado frecuente de mans, entre outras.

Asma, enfermidade respiratoria crónica

A asma é unha enfermidade respiratoria inflamatoria crónica que se caracteriza polo estreitamento variable e inflamación dos bronquios. As principais síntomas da enfermidade soen producirse ó realizar exercicio físico, polas noites, ou tras respirar un alérxeno ou substancias do medio ambiente que provocan estas síntomas, dificultade para respirar, tose, pitos ou ruídos no peito, opresión ou sensación tirante no peito. A asma pódese controlar e, para iso, é necesario realizar correctamente o seu tratamento e evitar desencadeantes. Para diminuír a inflamación e para aliviar as síntomas, empréganse antiinflamatorios e broncodilatadores.

Esta enfermidade inflamatoria crónica, a asma, supón o 30% do total das enfermidades respiratorias. Afecta a entre un 5% e un 15% da poboación, e moitos dos casos están sen diagnosticar. A maior parte das persoas diagnosticadas son seguidas polos profesionais dos centros de saúde. Ás consultas de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario chegan os casos máis graves ou que ofrecen dúbidas diagnósticas,  e ós que se lles realizan probas complementarias e seguimento.

Unidade específica de asma acreditada

O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol conta cunha Unidade específica neste eido, acreditada con excelencia a nivel nacional pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), por cumprir cunha serie de estándares como, por exemplo, o feito mesmo de contar cunha Unidade e cun Hospital de Día para os tratamentos, cun pneumólogo destinado a asma, que ademais ten nivel de experto, con enfermaría, e con múltiple produción científica de todo tipo relacionada, tanto publicacións como intervencións en Congresos. 

O Complexo ferrolá conta con esta consulta monográfica sobre asma dende outubro de 2017, no Hospital Naval do Complexo. Nesta consulta, vense unha media de vinte pacientes semanais con asmas difíciles derivados polos propios especialistas en Pneumoloxía para un seguimento e tratamentos máis complexos. Son casos de asma moi sintomáticos, con exacerbacións (empeoramentos), e nos que a asma persiste a pesar de seguir un tratamento axeitado e facelo correctamente.

Existen tratamentos biolóxicos, que se administran na maioría dos casos mensualmente de forma subcutánea no Hospital de Día Médico, buscando a regulación da inmunidade do paciente, e, consecuentemente, unha baixada da inflamación bronquial. Son pacientes concretos que responden a unha serie de criterios protocolizados, en base a estudos de células en sangue (eosinófilos) e niveles de inmunoglobulina (IgE), e que non responden a outro tipo de tratamentos, xa que a maior parte dos casos resólvense con inhaladores.  

Nesta consulta especializada, fanse tamén reavaliacións de casos e estudos dos mesmos en base a eses protocolos establecidos. Neste senso, a existencia destas consultas especializadas ten amosado o incremento da calidade de asistencia e a melloría dos pacientes. 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde