A asma é unha enfermidade respiratoria heteroxénea, xeralmente
asociada coa inflamación crónica das vías respiratorias e hiperreactividade,
que afecta a uns 340 millóns de persoas en todo o mundo. En España, mais de
tres millóns de persoas teñen asma, das que o 10% son nenos de entre 6 e 7 anos
e o 15% adolescentes de entre 13 e 14 anos. En Galicia afecta a un 5% da
poboación adulta.
A asma é unha enfermidade multifactorial que non se pode
previr e na que participan moitos elementos, tanto relacionados coa persoa
(xenética), como coa contorna (exposición ambiental a irritantes, contaminantes
ou alerxenos). Como todas as enfermidades crónicas, o máis importante é manter
un bo control e previr os ataques. Máis da metade dos pacientes con asma non
ten a súa enfermidade controlada. A causa principal do mal control da asma é a
falta de adhesión á medicación. É moi importante concienciar ao paciente sobre
a necesidade de realizar o tratamento indicado de maneira regular para evitar
que a asma pase de ser un proceso controlado a descontrolado.
A asma grave afecta
aproximadamente ao 5-10% dos pacientes con asma, aproximadamente 17-34 millóns
de persoas en todo o mundo, máis da metade dos cales teñen a enfermidade non
controlada. Os pacientes mal controlados teñen peor calidade de vida
relacionada coa saúde e producen maior consumo de recursos sanitarios,
triplicando o custo medio por paciente. Isto supón ata a metade de custos por
asma e unha causa importante de discapacidade laboral, ademais do consumo de
corticoides sistémicos cos consecuentes efectos adversos multiorgánicos que
isto conleva.
Mañá martes, dia 2 de maio celébrase o día mundial
do asma, que este ano ten como slogan “Atención da asma para
todos”.
En 2018, un grupo de expertos da comunidade
clínica, grupos de apoio ao paciente e organizacións profesionais uníronse para
desenvolver a Carta do Paciente con Asma Grave, que establece seis principios
para definir o que os pacientes deben esperar para o manexo da súa asma grave e
o que debe constituír un estándar básico de atención.
Desde a publicación desa Carta orixinal en 2018,
producíronse varios cambios importantes, incluída unha mellor comprensión da
etiopatoxenia da asma e un manexo eficiente desta enfermidade. Aprobáronse
varias terapias biolóxicas novas. Por último, a pandemia de COVID-19 puxo de
relevo as patoloxías respiratorias, a calidade asistencial e científica dos
neumólogos e a importancia fundamental a resiliencia do sistema de atención
médica.
Decálogo de estilo de vida
saudable para o bo control do asma
1.- Acudir de forma
periódica ás consultas programadas co especialista e o médico de familia. Eles
informaran das características da asma, variabilidade dos síntomas e causantes
e como recoñecelos.
2.- Tomar sempre a
medicación que prescriba o médico cumprindo as súas indicacións: dose,
frecuencia e duración pautadas. Nunca automedicarse.
3.- Crear un diario de
asma. Recoller os datos dos síntomas, tratamento e calquera axente que pareza
un causante dos brotes de asma. Para ilo hai aplicacións para descargar no móbil
que axudan a realizar este control: ASMACONTROL de SOGAPAR.
4.- Tratar precozmente os
síntomas da asma cando aparezan. Utilizar o plan de acción personalizado e
consultar ao médico. Revisar periodicamente a técnica inhalatoria.
5.- Utilizar correctamente
os inhaladores. O único tratamento efectivo na asma é aquel que se inhala
correctamente.
6.- Non fumar e evitar
ambientes con fume.
7.- Procurar respirar aire
limpo e libre de alérxenos.
8.- Realizar deporte ou
actividade física. Estar activo axuda a mellorar a saúde.
9.- Manter hábitos
alimentarios saudables. A obesidade é unha comorbilidade que pode conleva un
mal control da asma.
10.- Facer prevención de
infeccións respiratorias: lavado frecuente de mans, evitar contactos con
persoas con arrefriados ou outras infeccións respiratorias, evitar
amontoamentos durante as epidemias de virus respiratorios, vacinarse da gripe,
…