Esta mañá tivo lugar a sinatura do convenio
de colaboración entre a Área Sanitaria da Coruña e Cee, a Fundación Profesor
Nóvoa Santos e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) para levar a cabo o
programa de “Rehabilitación do paciente oncolóxico”.
A duración da firma deste acordo
será dun ano, podendo prorrogarse por mutuo acordo das partes por períodos de 12
meses.
O presente convenio de colaboración
regula a financiación por parte da Asociación Española Contra o Cancro para
levar a cabo o programa de “Rehabilitación do paciente oncolóxico” dirixido a desenvolver
os proxectos de investigación clínica e docencia, así como de mellora da
calidade asistencial, dos servizos clínicos da Área Sanitaria da Coruña e Cee que prestan atención a
pacientes oncolóxicos.
Programa de rehabilitación
oncolóxica
O aumento da
prevalencia do cancro, da supervivencia e da media de idade poboacional, fan
que cobre unha maior importancia o papel da rehabilitación na atención integral
dos pacientes oncolóxicos.
O modelo actual
de sanidade, que avoga por unha de mellora da calidade asistencial, fai que o
traballo interdisciplinar dos servizos de oncoloxía e rehabilitación sexa
fundamental para o benestar dos pacientes diagnosticados de cancro, que deben
enfrontarse a un longo proceso terapéutico e a un período de convalecencia que
nalgúns casos poden abarcar a vida restante do individuo, atendendo non só aos
aspectos clínicos, senón tamén aos déficits de funcionalidade que se poidan
orixinar ao longo de dito proceso.
Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é unha entidade de referencia na
loita contra o cancro desde hai 70 anos, de carácter non lucrativo e declarada
de utilidade pública dende o ano 1970, que integra a pacientes, familiares,
voluntarios e profesionais, traballando para diminuír o impacto do cancro nas
persoas e o seu entorno. No seu ADN está apoiar e acompañar aos pacientes e as
súas familias durante todo o proceso da enfermidade, traballar na prevención do
cancro, e mellorar o futuro das persoas co impulso da investigación oncolóxica.