SERGAS E DEPUTACIÓN DE OURENSE COLABORARÁN PARA O USO GRATUÍTO DO SERVIZO DE FITNESS, PILATES E IOGA NO PAVILLÓN PACO PAZ POR PACIENTES CON COVID PERSISTENTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 05 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, asinaron onte un convenio de colaboración para o uso gratuíto do servizo de fitness, modalidades de pilates e ioga/meditación, no Pazo dos Deportes Paco Paz, por pacientes afectados por covid persistente. No acto da sinatura estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Tal e como se recolle no documento asinado, o Servizo Galego de Saúde e a Deputación consideran de interese esta colaboración, para mellorar a saúde e benestar dos pacientes diagnosticados por covid persistente polo Sergas.

O departamento sanitario galego é consciente dos beneficios que a práctica deportiva continuada reportará a estes doentes. Pola súa parte, a Deputación facilitaralles a estas persoas, durante o período 2023 a 2026, a participación nos programas de fitness, pilates e ioga/meditación, que se desenvolvan no Paco Paz, cunha exención total sobre as tarifas mensuais.

O Sergas solicitará autorización expresa aos pacientes que poidan ser beneficiarios destas actividades, para tramitar o acceso ás instalacións e servizos que oferta o Pazo dos Deportes.

Os beneficiarios deste convenio serán pacientes da área sanitaria, dos que se fará unha selección previa polo equipo da unidade multidisciplinar postcovid, en función de criterios establecidos.

Unidades multidisciplinares

Cómpre remarcar o camiño avanzado pola Xunta de Galicia no eido das unidades multidisciplinares coa aprobación, en outubro de 2021, da orde pola que se regula a creación, composición, organización e funcionamento das unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial no Sergas, dando cumprimento así a un mandato unánime do Parlamento de Galicia.

Esta orde veu precedida da posta en marcha, en abril dese mesmo ano, dunha unidade multidisciplinar poscovid en cada unha das sete áreas sanitarias, cun equipo de profesionais de diversas disciplinas, nas que o núcleo estaba conformado por especialistas en atención primaria, medicina interna, pneumoloxía e enfermería. A través delas, comezáronse a avaliar e a tratar os efectos da patoloxía a medio e a longo prazo nas persoas que padeceran covid.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde