O SERGAS ORGANIZA ACTIVIDADES PARA MELLORAR O COÑECEMENTO SOBRE A HIXIENE DE MANS NOS CENTROS ASISTENCIAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 05 2023

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde súmanse á conmemoración da Xornada Mundial de Hixiene das Mans, que se celebrará, como todos os anos, o 5 de maio. Esta iniciativa, promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS), ten este ano como lema “Aceleramos a acción entre tod@s”. Con este motivo, durante estes días, cada área sanitaria do Sergas organiza e promove diferentes actividades para mellorar o coñecemento sobre este procedemento nos centros asistenciais galegos.

A Organización Mundial da Saúde invita ao persoal sanitario e ás persoas que accedan aos centros sanitarios a unirse e garantir que a hixiene de mans se realice, como medida prioritaria para a redución das infeccións asociadas á asistencia sanitaria (IRAS) e a diseminación de microorganismos multirresistentes, por ser a medida máis custo-efectiva para a súa prevención. Isto require o compromiso e a implicación dos profesionais de todos os ámbitos asistenciais na integración da hixiene de mans e do uso correcto das luvas na practica clínica do día a día. 

O Sergas, coñecedor da importancia da Hixiene de Mans (HM) na prevención das IRAS, leva incluíndo esta medida nos Acordos de Xestión coas áreas sanitarias dende o 2017, establecéndose como obxectivo para o ano 2022, acadar unha adherencia seguindo as recomendacións de HM da Organización Mundial da Saúde superior ao 50% das oportunidades para a HM, por parte dos profesionais sanitarios dos hospitais do Servizo Galego de Saúde. 

Para avaliar o cumprimento deste obxectivo, a Subdirección Xeral de Atención Hospitalaria do Sergas coordinou auditorías observacionais de hixiene das mans nos hospitais da rede sanitaria pública galega. Os resultados obtidos neste estudo amosan porcentaxes de adherencia á hixiene das mans superiores ás obtidas nas auditorías do ano 2019, tanto para o global do Sergas como para a maioría dos hospitais auditados. 

Ao igual que o observado nas auditorías realizadas ata o de agora, a maior adherencia á HM prodúcese despois da exposición a fluídos biolóxicos e despois do contacto co paciente ou a súa contorna.

Así, é preciso insistir na relevancia de efectuar a hixiene das mans, cunha técnica correcta, nos cinco momentos críticos e a importancia das “mans correctas” e o uso adecuado das luvas dos profesionais. 

Por outra banda, é necesario que nesta actividade, ademais das autoridades sanitarias, directivos de hospitais e centros sanitarios, se implique tanto aos pacientes como á poboación xeral, mediante o fomento da posta en práctica desta medida que resulta ser a máis sinxela e eficaz na prevención da transmisión de microorganismos.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde