A HIXIENE DE MANS UN XESTO IMPRESCINDIBLE NA ASISTENCIA SANITARIA E A MANTER ENTRE A POBOACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 05 2023

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras súmase hoxe á Organización Mundial da Saúde na conmemoración do Día Mundial de Hixiene das Mans, que este ano ten por lema “Aceleramos a acción entre tod@s” e servirá de enlace para toda unha serie de actividades que se desenvolverán nos tres hospitais e en Atención Primaria por toda a provincia.

As actividades invitaran ao persoal sanitario e á poboación en xeral a unirse a celebrar este xesto que salva de ano en ano miles de vidas nas unidades hospitalarias,  e limita a difusión e proliferación de xermes e contaxios, como a sociedade aprendeu durante a pandemia. Para levalo a bo término creouse un Grupo de Traballo de Hixiene de Mans, formado por persoal médico e de enfermería e residentes en formación, dos hospitais de Ourense, verín e Valdeorras, pertencentes as unidades ou servizos de Calidade e Medicina Preventiva, mentres que por parte de Atención Primaria desde a Supervisión de Enfermería de Crónicos programáronse obradoiros e charlas de acción comunitaria.

Uns dos máis concienciados da importancia deste xesto son precisamente os máis pequenos e a eles adicarase hoxe as actuacións de atención primaria, por medio do obradoiro de hixiene de mans: “Bichos Fora” que se celebrarán no Centro de Saúde de Celanova e nos centros escolares CEIP de Prácticas, CPI José García García de Mende e “La Purísima” de Ourense, por parte de enfermeiros dos Centros de Saúde de A Ponte, Valle Inclán e Novoa Santos, en Ourense, asi como no CEIP Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar, CEIP de Maside e Luis Vives de A Valenzá por parte dos seus profesionais sanitarios de referencia.

Salvar vidas nos ingresos hospitalarios

A nivel hospitalario a práctica da hixiene de mans por medio a técnica axeitada e no momento correcto non só salva vidas senón que garante  a redución das infeccións asociadas á asistencia sanitaria (IRAS) e a diseminación de microorganismos multirresistentes.

Para lembrar aos profesionais sanitarios o indispensable e efectivo desta medida o Grupo de Traballo de Hixiene de Mans leva meses traballando, por medio dunha campaña informativa interna, con fondos de pantalla e cartelería propia, e avaliando o seu cumprimento nas distintas unidades, para establecer vías específicas de acción.

Igualmente, valorarase positivamente tamén o grao de cumprimento  cun premio de nova creación:  “Mans de Ouro” que recoñece a unidade de enfermería, unha por hospital, cos mellores resultados nas roldas de seguridade levadas a cabo os pasados días. No hospital Universitario de Ourense o premio recaíu na Segunda Norte, de Cirurxía Xeral,  tamén a unidade cirúrxica, A Unidade Laranxa, foi a premiada no Hospital Público de Valdeorras, mentres que en Verín o premio foi para a Unidade Verde, da área médica.

Co obxectivo de reforzar este compromiso coa seguridade, tamén esta mañá instaláronse mesas informativas nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, onde se está a ofrecer consello sobre as técnicas e os cinco momentos definidos pola OMS para realizar unha hixiene de mans.  

Co exemplo dos máis pequenos realizarase unha dinámica visual: “Mans con brillo”. As persoas a miúdo lávanse as mans só con auga, pero só o lavado minucioso con xabón fai que queden realmente limpas. Así con materiais simples como como purpurina, vaselina e auga, demostrarase aos nenos e nenas ingresados en pediatría o poder do xabón. Para lembrar a actividade deixarán un mural para que os cativos deixen a súa pegada.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde