URXENCIAS SANITARIAS DE GALICIA-061 PIDE EXTREMAR AS PRECAUCIÓNS PARA PREVIR ACCIDENTES DE TRACTOR NAS TAREFAS AGRÍCOLAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 05 2023

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 pide extremar as precaucións para previr os accidentes de tractor e vehículos similares durante a realización de tarefas agrícolas. Os sinistros provocados por carencias técnicas ou do mantemento do vehículo, condicións meteorolóxicas e do terreo adversas ou posibles imprudencias da persoa que conduce, entre outras, converten os accidentes de tractor en unha das principais causas de sinistralidade e mortalidade no campo. Ao anterior súmase o numeroso parque móbil no rural e a elevada idade das persoas que realizan tarefas agrícolas que contribúen a aumentar os accidentes causados por estes vehículos e similares.


A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, neste período do ano no que aumentan as horas de sol e os días son máis longos, quere lembrar a importancia de cumprir coas medidas de seguridade na condución de tractores. Estas medidas baséanse principalmente en respectar as normas de circulación, manter unha velocidade axeitada e cumprir coa sinalización da máquina durante o día e a noite. Ademais, é necesario que o vehículo dispoña dos elementos de seguridade viaria obrigatorios e se manteñan en bo estado. Tamén, resulta imprescindible que o número de pasaxeiros non supere ao indicado polo fabricante do vehículo.


Como actuar fronte a envorcaduras

Como medidas de protección fronte á envorcadura do tractor, o vehículo debe dispoñer dunha estrutura homologada de protección (cabina, pórtico ou estrutura similar), débese empregar o cinto de seguridade e, regularmente, realizar un mantemento axeitado das proteccións.


Para evitar a envorcadura do vehículo recoméndase circular á velocidade axeitada e extremar as precaucións en camiños en mal estado. Non realizar viraxes bruscas, principalmente se dispón dun apeiro arrastrado como un remolque ou unha cisterna e ter coidado para non forzar o tractor se observa resistencia ao avance.


Por último, no caso de envorcadura, o condutor deberá permanecer dentro do vehículo, mentres se agarra fortemente ao volante ou a unha estrutura similar. Nunca intentará saltar cara o exterior para evitar posibles danos e lesións.


Accidentes de tractor atendidos en 2022

Durante o ano 2022, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu 68 accidentes de tractor, nos que se asistiron 72 persoas. Se atendemos aos meses nos que se produciron estes sinistros, os meses de xullo, setembro e maio son que os que rexistraron maior número de sinistros con 14, 11 e 9 accidentes de tractor asistidos respectivamente. En relación cos pacientes atendidos nestes sinistros, no mes de xullo atendéronse 15 persoas, 12 en setembro e 9 pacientes foron asistidos no mes de maio.


Por provincias, A Coruña foi a provincia que rexistrou máis accidentes de tractor con 23 sinistros, seguida por Pontevedra con 22, Lugo con 14 e, por último, Ourense con 9 accidentes. Segundo os concellos con maior número deste tipo de sinistros, no ano 2022, Pontevedra, foi o que tivo o maior número de asistencias con catro accidentes,seguido pola Coruña con tres e Aranga, Boiro, Brión, Dodro, A Estrada, Gondomar, Meaño e Salvaterra de Mino cadanseu con dous sinistros asistidos.


Para atender estes sinistros mobilizouse o helicóptero medicalizado en sete ocasións, a ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) medicalizada en 15 sinistros e a ambulancia de SVA de Enfermaría en tres accidentes. A ambulancia de soporte vital básico (SVB) foi mobilizada en 61 ocasións e os equipos de Atención Primaria, que no caso de considerarse necesario medicalizan os recursos de SVB, en 32 ocasións.


Por último, dos 72 pacientes asistidos entre xaneiro e decembro de 2022, 11 foron atendidos no punto, 44 necesitaron ser trasladados a un centro hospitalario e 17 persoas morreron no lugar no que se produciu o accidente.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde