A ÁREA SANITARIA DE FERROL, EPICENTRO NACIONAL DA NUTRICIÓN CLÍNICA E A DIETOTERAPIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 05 2023

A Área Sanitaria de Ferrol convértese hoxe venres 12 de maio no epicentro nacional da nutrición clínica e a dietoterapia, entendida como ciencia que coida a saúde das persoas a través da alimentación. O salón de actos do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) acolle a preto dun centenar de especialistas na I Xornada de Nutrición Clínica e Dietoterapia no tratamento da Obesidade, que organiza o grupo de traballo Dietoterapia na Obesidade da Sociedade Española de Obesidade (SEEDO).

“A incorporación de nutricionistas ó sistema sanitario público en Galicia, das primeiras en facelo xunto con Cataluña; e os traballos realizados neste eido por profesionais da Área Sanitaria de Ferrol, fan que se escolla Ferrol como sede desta xuntanza”, explica a coordinadora da mesma e investigadora na Área ferrolá, Cristina Porca. A xornada conta na súa sesión inaugural con Carolina Muñoz Ibáñez, do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde da Consellería de Sanidade; e María González Rodríguez, presidenta do Colexio de Nutricionistas de Galicia.

Como indican dende a Sociedade Española, este encontro nacional está dirixido a profesionais que, polo seu traballo ou estudos, teñen relación coa obesidade: atención primaria, enfermaría, medicina, psicoloxía, psiquiatría, dietistas-nutricionistas, terapeutas do exercicio, ou biólogos entre outros. A obesidade infantil, a dieta mediterránea fronte á atlántica, xexún intermitente, micronutrientes na cirurxía bariátrica, análise da composición corporal, alimentación emocional e abordaxe individual e grupal da obesidade son algúns dos temas previstos e expostos por  relatores de Barcelona, Málaga ou Guipúzcoa, entre outros.

Abordaxe individual e grupal da Obesidade na ASF

A intervención ferrolá nesta xuntanza nacional fai referencia a amosar a experiencia co taller para a abordaxe individual e grupal dos pacientes con Obesidade. A investigadora, Cristina Porca, fala da pilotaxe que se levou a cabo nesta Área coa intervención grupal en pacientes con obesidade, e que tivo que ser suspendida por mor da Covid. Esta profesional explica que os pacientes con obesidade indicados polo Servizo de Endocrinoloxía do CHUF pasaban, trala previa valoración individual, a tratamento en terapia grupal, en grupos de 15 persoas, e en seis sesións establecidas cada 15 días. “É un tratamento multidisciplinar co que o paciente se autoxestiona, empoderándoo para xestionar a súa propia enfermidade”. Esta abordaxe, explica, “dálle ó paciente unha sensación de pertenza a un grupo, de motivación entre iguais, e e vanse asimilando mellor os contidos e os xeitos de facer as cousas”.

Esta profesional baseou a súa tese nesta pilotaxe, estudando a máis de 470 pacientes da Área Sanitaria de Ferrol con obesidade dos grupos I, II, e III; e concluíu que o grupo control conseguía manter o peso ou subía lixeiramente na abordaxe clásica, fronte ó grupo de intervención, no que os integrantes do grupo perdían ata un 7% do total do seu peso.  

Non trata só de se centrar no peso, remarca, se non de mellorar hábitos de vida saudables, e diminuír e coidar as patoloxías asociadas, que, de feito, esta intervención pode incidir na diminución no consumo de fármacos. “Hoxe falamos tamén de mitos na alimentación, xa que non existe unha dieta ideal; a ideal é a que se adapta a cada paciente dentro das sesións”, e enfatiza “non se pode traballar de xeito illado, se non con intensidade, e de xeito multidisciplinar como patoloxía crónica que é”. Hai evidencia para implantar na práctica, e esta xuntanza especializada tratará tódalas tendencias, remata.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde