200 PROFESIONAIS DE ENFERMARÍA DEBATEN SOBRE OS NOVOS MODELOS DE COIDADOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 05 2023

Con motivo da celebración do Día Internacional da Enfermería, promovido polo Consello Internacional de Enfermería que este ano leva por lema a “As nosas Enfermeiras. O noso futuro”, a Dirección de Enfermería da Área Sanitaria de Vigo organizou unha xornada para debater sobre os novos retos desta profesión sanitaria e os novos modelos de coidados. Neste encontro participaron un total de 200 profesionais de enfermería da Área Sanitaria, de Atención Primaria e Hospitalaria. Esta xornada será clausurada pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez.

Segundo explica a presidenta do comité organizador e subdirectora de Enfermería, Dolores Muíños “trátase dun encontro para compartir coñecementos e experiencias sobre os novos modelos de coidados que xa están desenvolvendo moitas das nosas profesionais e que permiten dar unha mellor resposta aos pacientes e seguir avanzado na calidade do sistema público de saúde “.

A conferencia inaugural correu a cargo da xefa de servizo da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Blanca Cimadevila, que falou sobre a “Prescrición Enfermeira”.

Máis especialización, formación  e competencias

No momento actual, a Área Sanitaria de Vigo conta con 2.000 profesionais de enfermería, o que supón o 47% do total de persoal sanitario da area viguesa. 

Hoxe en día existen diferentes figuras ou perfís destas profesionais, que foron obxecto de análise nas diferentes mesas redondas desta xornada: a enfermeira xestora de casos, que acompaña aos pacientes durante determinados procesos asistenciais complexos, en colaboración con equipos interdisciplinares (ostomías, debut diabético, pacientes de cirurxía bariátrica, ou pacientes con demencia, por exemplo).

Outro perfil é o da enfermeira de práctica avanzada, con formación específica en determinadas técnicas que requiren alta cualificación técnica (como as que introducen os catéteres centrais por vía periférica con técnica ecoguíada, técnicas neumolóxicas de diagnóstico avanzado, manexo de dispositivos cardiolóxicos implantables, técnicas de dialise peritoneal, e outros); o rol de enfermeira investigadora e a traslación dos resultados a practica clínica; e o rol de finalista de procesos de Atención Primaria, que realizan unha xestión integral dos coidados en saúde da comunidade, fundamentalmente  no ámbito rural.

Trátase de profesionais cunha experiencia profesional e formación específica de alto nivel, con máis capacidade resolutiva e competencias para configurar novos modelos de traballo, co obxecto de acompañar ao paciente complexo, optimizar os tempos de espera dos procesos, mellorar a continuidade asistencial interniveis e, en definitiva, incrementar  a calidade da prestación de coidados aproximándonos ao paciente dun xeito holístico .

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde