COMESAÑA PÍDELLE AO MINISTRO DE SANIDADE A REFORMA DO SISTEMA DE FORMACIÓN MIR, MANTENDO A CALIDADE, PARA AFRONTAR A SUBSTITUCIÓN XERACIONAL DOS MÉDICOS DE FAMILIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 05 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo hoxe, no Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro, unha reunión de traballo co ministro de Sanidade, José Miñones. Na xuntanza, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego pediulle ao ministro a reforma do sistema de formación MIR, para poder afrontar a substitución xeracional na especialidade de medicina  familiar e comunitaria. Galicia, ao igual que Castela León, Murcia, Andalucía, Madrid, Cataluña, e País Vasco solicitaron ata cinco reformas fundamentais no sistema de formación sanitaria especializada que permitan afrontar dita substitución.

Comesaña sinaloulle ao ministro que hai que garantir que o sistema de elección de prazas MIR non deixe prazas desertas, como ocorreu en 2022 e como sucedeu na primeira rolda de elección de prazas deste ano, que deixou máis de 200 vacantes na especialidade máis deficitaria, a de medicina familiar e comunitaria, e que, a pesar de celebrarse unha segunda quenda extraordinaria, quedaran finalmente 131 prazas sen cubrir en toda España. Isto afectou, especialmente, a comunidades con áreas pouco poboadas, que experimentaron unha porcentaxe de prazas vacantes que van dende o 35% de Navarra ou o 21% de Castela e León, pasando polo 16% de Estremadura e Galicia.

Segundo o conselleiro, no caso de non volver a un sistema de elección de prazas presencial, o proceso telemático debe realizarse coa máxima transparencia, garantindo o coñecemento en tempo real das prazas dispoñibles en cada momento por parte dos aspirantes. Galicia, ademais, propón tamén eliminar a nota de corte do exame, que este ano impediu elixir praza ao 15% do total de admitidos, case 1.900 egresados.

Creación da especialidade de urxencias 

No encontro, o conselleiro urxiu ao ministro a tramitar, canto antes, a norma de creación da especialidade de urxencias e emerxencias. Non hai que esquecer que a creación desta especialidade tamén é un paso que o Ministerio debe dar, e, por tanto, con formación separada da medicina de familia, sendo imprescindible para a convocatoria do ano 2024.

Polo que atinxe á creación da especialidade de xenética, os avances nesta materia foron cruciais para o desenvolvemento da medicina personalizada, e España é dos poucos países de Europa no que non existe a especialidade de xenética. O conselleiro pediu ao ministro a elaboración dun primeiro borrador de documento para o inicio de trámite da creación desta especialidade, que puidese logo acordarse dentro do grupo de traballo. Esta sería a forma máis eficaz de acelerar a creación desta especialidade, que o conselleiro de Sanidade entende que é algo que se debe levar a cabo con moita brevidade, polo que Galicia se pon a disposición do Ministerio para liderar o grupo de traballo para a creación da mesma.

Convocatoria de máis prazas MIR para medicina de familia

O departamento sanitario galego remarca que, unha vez que se permita acreditar un maior número de prazas, é necesario aumentar o número de prazas MIR de Medicina Familiar e Comunitaria na convocatoria do exame. As comunidades asinantes do manifesto dirixido ao Ministerio expresaron que se debía actuar antes, efectuando a revisión dos criterios e permitindo incluír ao redor de 1.000 prazas máis na vindeira convocatoria.

O Sistema Nacional de Saúde necesita, canto antes, unha remesa extraordinaria de especialistas en medicina de familia e non pode permitirse un ano máis de espera. 

Outro dos aspectos que Comesaña reiterou é a necesidade dun sistema de acreditación de unidades docentes máis flexible e máis áxil, de maneira que haxa en Galicia máis centros que poidan impartir a formación a futuros residentes. No Consello Interterritorial celebrado o pasado 17 de abril, desde Galicia urxiuse a retomar a tramitación desta orde para que estea vixente o vindeiro ano. 

Tal e como incidiu o conselleiro na reunión, os mecanismos actuais do sistema non son o suficientemente flexibles como para adaptarse a esa ampliación necesaria ao contar con prazos moi curtos, tanto para presentar a solicitude de acreditación de prazas, como para conformar a convocatoria das mesmas. 

O conselleiro lembrou que, o pasado mes de setembro, remitiuse por carta á ministra de Sanidade unha proposta concreta para unha reforma puntual da lei de ordenación das profesións sanitarias nese sentido, que non foi tida en conta. 

A modo de exemplo, cando se pon en funcionamento un novo centro, coma o CIS de  Lugo, este non pode ter residentes, posto que un dos requisitos é que leven máis dun ano aberto para ter residentes, e non contempla a posibilidade de que titores doutros centros se trasladen ao novo, así que é unha clara perda de oportunidades.

Xubilación activa ata os 72 anos

Sobre a xubilación activa para médicos de familia e pediatras de primaria, a Xunta propón modificar, mediante Real Decreto-Lei, a regulación actual, incorporado a posibilidade de prolongar o servizo activo ata os 72 anos de forma circunscrita ás especialidades e ao prazo temporal que marca esta normativa. 

O conselleiro aproveitou tamén a reunión para solicitar ao Ministerio que tome as medidas oportunas para que o déficit de persoal sanitario na sanidade en centros penitenciarios non xere sobrecarga nos servizos de saúde autonómicos, e propuxo negociar o traspaso da competencia da sanidade penitenciaria, unha vez que se cumpran as condicións contempladas no acordo unánime do Parlamento galego.

Finalmente, Comesaña informoulle ao ministro Miñones acerca do futuro Centro de Protonterapia, cuxas obras comenzarán o próximo mes de xuño, e lle reiterou o desexo de que Galicia sexa a primeira comunidade autónoma en tratar pacientes con esta técnica, na sanidade pública.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde