​SANIDADE REALIZA MÁIS DE 13.000 PROBAS DE DETECCIÓN DA HEPATITE C, NOS PRIMEIROS CATRO MESES DO ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 05 2023
 


A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, participou esta mañá en Vigo, no coloquio sobre o Estado Actual da Eliminación da Hepatitis C en España. Un evento no que destacou o pioneiro cribado oportunista posto en marcha pola Consellería de Sanidade e que, mediante a técnica do pooling, permitiu realizar xa 13.000 probas de detección da enfermidade en catro meses, e detectar 14 novos casos.

No marco do XVII Curso en avances en infección VIH e hepatites virais, que organiza a Asociación Galega para a Investigación e Docencia das Enfermidade Infecciosas (AGIDEI), a responsable de Saúde Publica puxo en valor a importancia da prevención secundaria coa que conta o Plan galego para a eliminación desta enfermidade (detección e tratamento de casos en estados temperás), e que se engade a búsqueda retrospectiva de pacientes que nalgún momento tiveron unha proba positiva sen confirmación diagnóstica ou sen curación.

Segundo explicou a directora xeral, a Consellería de Sanidade xa está a traballar na ampliación dos cribados oportunistas á poboación con idades comprendidas entre os 40 e os 69 anos, a automatización de probas analíticas, e na optimización das canles de comunicación de positivos para axilizar ao máximo a posta en marcha dos tratamentos.

Nesta liña, remarcou a importancia de posuír unha rede de investigación para a hepatite C en Galicia, o contar cun rexistro de pacientes, e as diferentes actividades de prevención que se desenvolven desde a Consellería de Sanidade co ánimo de incidir na prevención en atención primaria.  

“É preciso reducir a morbimortalidade por debaixo dun nivel no que a carga da Saúde Publica se considere insignificante”, apuntou Carmen Durán.

A directora xeral, tamén destacou o enfoque integral da estratexia galega para eliminación da hepatite C en Galicia, na que colaboran os departamentos de Saúde Pública e Asistencia Sanitaria, as ONG, as unidades de drogodenpencia, os centros penitenciarios e as entidades científicas. 

No que atinxe ao tratamento desta enfermidade, Durán apuntou que os antivirais de acción directa acadan unha resposta viral sostida despois das 12 semanas do inicio do tratamento, nunha porcentaxe superior ao 95%.

XVII Curso en avances en infección VIH e hepatites virais

Durante as xornada do 12 e o 13 de maio, o auditorio Afundación da cidade olívica acolleu a xuntanza de expertos nacionais co obxectivo de abordar os últimos avances xurdidos sobre a prevención, a diagnose e o tratamento do VIH, e as Hepatites B e C.  

O programa científico do curso conta cun total de catro mesas de debate. Así, na xornada inaugural porase o foco en 2 temas: a Infección do VIH (cribados oportunistas nos Servizos de Urxencias, implementación dun programa hospitalario de terapia long acting, e o impacto da robustez da terapia antirretroviral na practica clínica); e por outra banda, as alteración metabólicas NAFLD/MALFD no paciente con VIH (diagnose, prevención e manexo terapeútico das persoas con infección VIH, e a tolerabilidade e seguridade ao longo do tratamento antirretroviral.

Neste segundo día do curso, celebrarase o coloquio sobre Estado Actual da Eliminación da Hepatitis C en España; e tamén artellaran senllos debates sobre a curación Hepatite B.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde