ADOS E A CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES AGASALLARÁN CUN LIBRO A TODAS AS PERSOAS QUE DOEN SANGUE O MARTES 16
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 05 2023

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades desenvolverán mañá martes, 16 de maio, unha iniciativa conxunta co gallo da conmemoración, esta semana, do Día das Letras Galegas. 

Para isto, o departamento de Cultura do Executivo galego cedeu 500 libros que serán distribuídos durante a xornada de mañá entre todas as persoas que acudan a doar sangue, tanto nas unidades móbiles de ADOS como nos locais de atención permanente aos doantes das sete grandes cidades galegas.

Dobre obxectivo

ADOS agradece á Dirección Xeral de Cultura a realización desta iniciativa que non só fomenta a lectura en lingua galega, senón que contribúe a favorecer a creación dunha conciencia solidaria favorable á doazón de sangue na sociedade galega.

Todas as persoas que desexen doar sangue teñen a información sobre horarios e localizacións na web de ados, ados.sergas.gal; nas súas redes sociais ou ben chamando ao teléfono de información gratuíto 900 100 828, onde tamén poden resolver calquera dubida relacionada coa doazón.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue convida a todos os cidadáns a doar sangue durante a xornada previa ao Día das Letras Galegas, unha data especialmente salientable e na que, nesta ocasión, ADOS súmase da man da Dirección Xeral de Cultura para agasallar a todos os doantes de sangue a súa inestimable colaboración que permite levar a cabo axeitadamente o intenso labor asistencial dos nosos hospitais.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde