​MÁIS DE 1200 OURENSÁNS CON ENFERMIDADE INFLAMATORIA INTESTINAL A SEGUEMENTO POLO SERVIZO DE DIXESTIVO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 05 2023

Hoxe 19 de maio conmemorase o Día Mundial da Enfermidade Inflamatoria Intestinal (EII), doenza crónica, de carácter inflamatorio e orixe autoinmune, que afecta en Ourense a máis de 1.200 persoas, cunha media de 50 novos casos anuais, a seguemento polo Servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, e máis especificamente pola súa Unidade Integral de EII.

A EII engloba dúas enfermidades, Crohn e Colite Ulcerosa, que se caracterizan por cursar en brotes, con fases activas e de remisión, moi variables en función dos pacientes, pero que poden afectar intensamente a súa saúde e calidade de vida, xa que alteran a capacidade do organismo para dixerir os alimentos, e absorber os nutrientes; alternando síntomas como diarreas, sangue nas feces, cansazo, dor abdominal ou perda de apetito e de peso.

Para a súa atención, a Área Sanitaria de Ourense conta cunha Unidade Integral de Atención aos pacientes con Enfermidade Inflamatoria Intestinal, unha das primeiras a nivel europeo, en funcionamento desde 2003, e que recibíu en 2020 a certificación de Excelencia, que a  sitúa como referente a nivel autonómico e nacional, tras ser auditada por Bureau Veritas,  nunha iniciativa do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de  Crohn e  Colitis  Ulcerosa (GETECCU) para avaliar e promover o funcionamento de unidades especializadas.

A Unidade de Ourense está formada por catro médicos de dixestivo e unha enfermeira, especializados en enfermidade inflamatoria intestinal, cun sistema de traballo que promove a accesibilidade e o contacto cos pacientes para facilitar o seu seguemento, e a vocación multidisciplinar, en colaboración e contacto permanente cos profesionais referentes no manexo de EII dos distintos servizos, desde cirurxía, a reumatoloxía, nutrición, farmacia ou radioloxía.

As claves, tanto para mellorar o prognóstico da EII como para controlar os seus síntomas son o diagnóstico precoz, o tratamento multidisciplinar e personalizado de cada un dos pacientes, así como a súa monitorización. Neste senso a súa certificación de calidade, avalía o labor desenvolvido polo seu equipo humano, favorecendo a continuidade asistencial de calidade e a aposta pola investigación e a innovación.

Un dos seus integrantes, o doutor Santiago Soto, salienta os avances farmacolóxicos que “abren un amplo abano de posibilidades terapéuticas, permitindo tratamentos máis persoalizados”, igualmente destaca que no eido da diagnose a incorporación da ecografia intestinal “permite  explorar o intestino evitando nalgúns casos os exames endoscópicos”.

Parte do equipo, acompañados polo xerente, Félix Rubial, visitaron esta mañá no Hospital Universitario de Ourense, a mesa informativa instalada pola Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU Ourense) e compartiron a súa vontade de continuar colaborando como ata agora, recuperando iniciativas conxuntas previas á pandemia. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde