Os médicos de
referencia de 268 persoas da Área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras
abriron, o pasado ano, unha vía rápida de melanoma ao detectar unha lesión na
pel sospeitosa nos seus pacientes, dándolles así acceso a este circuíto rápido
que posibilitou confirmar o diagnóstico deste cancro de pel en 61 ourensáns,
que foron operados antes dun mes desde o aviso desde o Centro de Saúde.
Para a maioría o alivio chegou directamente
antes de dous días, tras ser valorados en consulta polo Servizo de
Dermatoloxía, que quere facer chegar unha mensaxe de concienciación, no día
mundial de melanoma, que se celebra mañá 23 de maio, ante o aumento progresivo
de casos.
Tras o aumento podería estar o incremento
dunha práctica cada vez máis estendida, habitual e prolongada no tempo: a
exposición ao sol, principal factor de risco desta patoloxía oncolóxica da pel.
Factores como os raios UV, o aumento dos viaxes de “sol e praia” todo o ano, e
conseguintemente o aumento das horas de exposición e a deficiente protección da
pel cun adecuado filtro solar fan que estas cifras aumenten.
A factura das queimaduras dos nenos dos anos
60, 70 e 80
Xunto a elo hai que ter en conta o risco
futuro das queimaduras solares na infancia, moi habituais no pasado, cando a
información dos seus riscos non estaba tan estendida, polo que os diagnósticos de melanoma son especialmente
habituais naquelas xeracións de nenos que hoxe teñen entre 40 e 60 anos.
Afortunadamente pese ao incremento de casos de
melanoma (cunha incidencia poboacional de máis de 15 casos por cada 100.000
habitantes), a mortalidade está a descender, precisamente grazas a posta en
marcha de ferramentas como a vía rápida, que permiten o seu diagnóstico precoz,
ou nun estadío inicial, o que aumenta as posibilidades de supervivencia ata nun
90%.
Para facer posible a detección precoz, o
servizo de dermatoloxía pide colaboración á poboación, consultando co médico de
cabeceira calquera lunar ou lesión na pel “sospeitosa”, o que facilita a
apertura dunha vía rápida en caso necesario e limitar ao mínimo os seus graves
efectos sobre a saúde.
Para detectar esta sospeita podemos usar a
regla do ABCDE: Asimetría (se dividimos o lunar en dous, as dúas metades
deberían ser semellantes, en cores e forma); Bordes (cando estes son
irregulares o lunar ten un maior risco de ser ou de facerse en
"maligno2) Cor ( un lunar con máis
de 2 ou 3 cores ten un maior risco de ser "malo") Diámetro: (os
lunares de máis de 6 mm considéranse de maior risco) Evolución: este é
probablemente o factor máis importante. Ante calquera cambio nun lunar (de
tamaño, forma, cor, que pique que sangue, aparición dunha nova mancha, etc).
O xefe do servizo de Dermatoloxía, José
Álvarez Gómez, destaca o papel dos facultativos de atención primaria para a
detección das lesións oncolóxicas tanto malignas como benignas, subliñando que
“o seu papel é clave para detectar o cancro de pel”.
Pioneiros e papel clave da Primaria
Ourense foi unha das primeiras provincias onde
se puxo en marcha a vía rápida de melanoma, nos tres distritos sanitarios de
Ourense, Verín e Valdeorras, xa a finais de 2013, grazas a colaboración dos
servizos de Dermatoloxía, Anatomía Patolóxica, Cirurxía Xeral, Atención
Primaria, Radiodiagnóstico, Medicina Nuclear e Oncoloxía, un equipo
multidisciplinar responsable da súa detección, diagnóstico e tratamento.
Máis recentemente melloráronse os medios
diagnósticos dos que dispoñen os centros de saúde coa dotación de
dermatoscopios en todos os Servizos de Atención Primaria. Proba de referencia
que permite analizar a estrutura cutánea profunda, esencial para o diagnóstico
das lesións ou tumores da pel. Igualmente o Servizo de Dermatoloxía conta desde
hai uns meses cun novo Dermatoscopio Dixital, especialmente útil no estudio das
lesión pigmentadas.