“O PACIENTE NO CENTRO, E MÚLTIPLES PROFESIONAIS TRABALLAN PARA EL”, AFIRMA A ONCÓLOGA DO CHUF, LAURA DE PAZ, SOBRE A ENFERMIDADE OLIGOMETASTÁSICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 05 2023

O paciente no centro, e múltiples profesionais traballan para el, e para a súa mellora”, así de contundente é a responsable do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Laura de Paz Arias, ó referirse á Enfermidade oligomestásica ou oligoprogresiva: unha perspectiva dende a oncoloxía galega, que é o tema sobre o que xira o encontro anual da Sociedade Oncolóxica de Galicia, que se reúne mañá venres 26 e pasado sábado 27 de maio, en Afundación en Ferrol.

Esta enfermidade oligometastásica refírese a cando unha enfermidade oncolóxica aparece ou reaparece pero nunha pequena parte e cun probable mellor prognóstico para o paciente. A diferencia é que, nunha boa parte destes casos, é posible facer un tratamento local cunha cirurxía ou con radioterapia. De aí que a coordinadora do encontro, a oncóloga Laura de Paz, incida na importancia de que nesta reunión anual, se invitara a participar tamén a profesionais doutras especialidades. A clave, explica, é que se realiza un traballo conxunto polo ben do paciente; e, ademais, neste caso ábrese a xuntanza á multidisciplinariadade, que é ó que debemos tender”, invitando tamén a radioterapeutas ou cirurxiáns, entre outros.

É a primeira vez que se realiza unha xuntanza monográfica sobre esta enfermidade en Galicia, subliña. Dividiron a xornada en catro mesas, unha conferencia maxistral, e unha mesa de residentes, onde implican a estes profesionais coa presentación de casos clínicos. “Trátase dun foro de discusión máis que un encontro ó uso con diferentes relatores”, matiza a oncóloga ferrolá.

As tres primeiras mesas son introducidas polos especialistas en Oncoloxía da Área Sanitaria de Ferrol, Javier Afonso, Carme García, e María Luz Pellón, están integradas por máis especialidades que a oncoloxía, e abordan de xeito específico os tres cancros nos que máis se desenvolve esta enfermidade oligometastásica: tumores torácicos, xenitorurinarios e dixestivos. A cuarta mesa, “Miscelánea”, abrangue o resto dos tumores, como o de mama ou o melanoma, por exemplo. A conferencia maxistral céntrase de cheo nesta enfermidade oligomestastásica, que aborda o ferrolán, Antonio Gómez Caamaño, xefe do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do Complexo santiagués.

Esta reunión galega inaugúrase ás 17:50 coa presenza da responsable do Servizo de Oncoloxía do CHUF, Laura de Paz; o presidente da Sociedade Oncolóxica de Galicia, Martín Lázaro; e o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio.

Colaboración coas asociacións e participación da poboación

Este encontro clínico de expertos no ámbito da Oncoloxía ábrase tamén á poboación. Así, que, de xeito paralelo, mentres que no primeiro andar estes profesionais intercambian coñecementos nas distintas mesas, no segundo andar do recinto de A Fundación, ten lugar outra mesa redonda organizada pola Asociación Española contra o cancro de Ferrol: Onde van os malos fumes.

Esta mesa redonda sobre o efecto do tabaquismo comeza ás 17:00, e é unha actividade gratuíta e aberta ó público, na que participarán o pneumólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Santiago Rodríguez-Segade; e a enfermeira do mesmo Servizo ferrolá, Pilar Darriba. É posible achegarse con inscrición previa no enderezo electrónico ferrol@contraelcancer.es.

O Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol realizaba un total de 18.173 consultas ó longo do pasado ano 2022. Neste mesmo período, producíanse 304 ingresos hospitalarios e aplicábanse un total de 8.107 tratamentos oncolóxicos no Hospital de Día Oncolóxico. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde