​O CONSELLEIRO DE SANIDADE PON EN VALOR A UNIDADE DE ONCOLOXÍA PEDIÁTRICA DE GALICIA NA MELLORA DA ATENCIÓN E DO COÑECEMENTO NESTA DISCIPLINA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 05 2023
 


“A baixa incidencia e a necesidade de alta especialización condicionan que a atención ao cancro infantil se organice mediante unha rede asistencial que combine as necesidades do menor coa dispoñibilidade de oferta de servizos dos recursos vencellados á rede de atención”. Así o subliñou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inauguración do 2º Congreso Ibérico de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátricas. 

Para dar resposta a esta necesidade, púxose en marcha en Galicia, no 2018, a Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia. Trátase, -proseguiu Comesaña-, dunha unidade multidisciplinar e suprahospitalaria, que cubre a toda a poboación pediátrica de Galicia, “e que é capaz de proporcionar estes servizos asistenciais, diagnósticos e terapéuticos de xeito coordinado, dando aos pacientes o recurso asistencial máis adaptado en cada momento, con axilidade e eficiencia”.

Segundo sinalou o conselleiro, “esta unidade permitiu impulsar tanto a formación específica como continuada dos profesionais, así como potenciar a investigación en oncoloxía pediátrica”. Ao respecto, os servizos de pediatría tanto dos principais hospitais que constitúen a unidade de oncoloxía (Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña), como do resto de hospitais colaboradores do Sergas, traballan en rede, transcendendo o modelo de organización e funcionamento estándar dos servizos de saúde.

Tal e como referiu Comesaña, “a unidade funciona cunha visión plenamente suprahospitalaria, empregando de maneira coordinada todos os recursos asistenciais no Sergas, permitindo a dispoñibilidade de toda a información clínica do paciente; compartindo criterios clínicos; e aproveitando o coñecemento interno, así como promovendo un alto grao de homoxeneidade nas decisións clínicas”. Ao mesmo tempo, permite a participación dos diferentes casos clínicos nos estudos de investigación.

Grazas á creación desta unidade, “en Galicia cóntase cun modelo de atención na oncoloxía pediátrica plenamente estruturado, flexible e adaptado aos centros. Un modelo que se complementou coa creación dunha comisión de dirección que é exclusivamente clínica”.

Organización de servizos integrada

A unidade está conformada por dous facultativos referentes en oncoloxía pediátrica de cada un dos tres centros principais, así como un profesional de enfermería con experiencia en oncoloxía pediátrica, ademais doutros colaboradores. Tal e como explicou o conselleiro, na unidade centralízanse todos os casos diagnosticados da nosa comunidade, e se consensúa, dende o punto de vista clínico, “a abordaxe, tratamento e manexo de cada paciente, apostando por un modelo asistencial centralizado”.

En Galicia apostamos, -incidiu o responsable do Sergas-, “por unha organización de servizos máis integrada, e compartindo de forma máis eficiente os recursos públicos, profesionais e técnicos para a resolución dos procesos de oncoloxía pediátrica con maiores garantías de calidade e seguridade para os pacientes”. Así mesmo, compártense os criterios clínicos e aprovéitase mellor o coñecemento interno, “e achégase ao paciente ao profesional máis cualificado da rede, pero sen a perda de referencia dos seus profesionais e centros de orixe, algo de suma importancia para a tranquilidade e seguridade do neno ou nena e dos seus país”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde