A ÁREA SANITARIA DE FERROL DÁ A BENVIDA A 43 NOVOS RESIDENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 05 2023

​Os e as profesionais da Área Sanitaria de Ferrol deron a benvida esta mañá, nun salón de actos totalmente cheo do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, ós 43 novos profesionais que inician a súa formación residente tanto no Complexo como nos distintos centros de saúde ferroláns. Neste mesmo acto, despedíronse ós 31 profesionais que finalizaron a súa formación residente nesta Área Sanitaria; e ós 14 alumnos de 6º de Grao de Medicina da Universidade de Santiago que realizaron a súa formación tamén nesta Área. Houbo risas, música e emocións.

Neste acto conxunto, interviron Ángel Facio Villanueva, xerente da Área Sanitaria de Ferrol;; Rocío Vilchez Simó, Directora de Procesos de Soporte da Área Sanitaria; Ramón López de Los Reyes, presidente da Comisión de Docencia; Marisa Fraga Sampedro,  responsable de docencia de Enfermaría; e Tamara López Cela, presidenta da Comisión de Docencia Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria e os representantes dos residentes que rematan, Nuria Díaz Hermida e Carlos de Juan Fernández.

Do total dos 43 novos profesionais que escolleron esta área para a súa formación, 13 formaranse en Medicina Familiar e Comunitaria, 1 en Anatomía Patolóxica, 1 en Anestesia, 1 en Análises Clínicas, 1 en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, 1 en Medicina Interna, 1 en Obstetricia e Xinecoloxía, 1 en Pediatría, 1 en Psiquiatría, 1 en Psicoloxía Clínica, 1 en Radiodiagnóstico, 1 en Uroloxía, 1 en Oftalmoloxía, 1 en Cirurxía Xeral, 1 en Dermatoloxía, 1 en Neuroloxía, 1 en Medicina Intesiva, 1 en Dixestivo e 1 en Farmacia Hospitalaria.

Ademais, comezan a formarse igualmente 8 residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria; 2 residentes de Enfermaría Obstétrico-xinecolóxica (matrona); e 2 de Enfermaría de Saúde Mental. Con respecto a isto, destacar novamente que Ferrol, xunto con Coruña, foi das primeiras áreas de Galicia en acreditar a formación desta especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Ós anos de formación académica dos e das profesionais de Enfermaría, engádense estes dous anos máis de especialización, nos que, afondan en tódolos ámbitos relacionados coa atención sanitaria tanto á muller como no ámbito familiar e comunitario, tendo asignado un titor que seguirá a súa aprendizaxe. 

Cabe destacar a ampliación da acreditación e da formación a tódolos niveis na Área Sanitaria de Ferrol tan só nos últimos tres anos. Así, pasouse de recibir a 29 residentes no ano 2020 a recibir na actualidade 43, o que supon un incremento en xeral do 48%. No caso concreto dos residentes da Unidade Docente Multidisciplinar da Área de Medicina Familiar e Comunitaria, o incremento foi moi significativo. Tan só en tres anos, pasouse de 8 especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria a 13; e, no caso da Enfermaría Famililar e Comunitaria, duplicouse, pasando de 4 a 8 enfermeiras especialistas neste ámbito.

No mesmo acto, despediuse tamén ós 31 profesionais que rematan a súa formación, 13 de especialidades hospitalarias; 8 de Medicina Familiar e Comunitaria; e 10 EIR tanto de Familia, como de osbtétrico-xinecolóxica, e de saaúde mental. Foron agradecidos con todos e cada un dos integrantes da Área Sanitaria de Ferrol, pero especialmente cariñosos cos seus compañeiros de traballo “conseguéchedes que esta segunda casa, que é o hospital e o centro de saúde, mereza chamarse casa. Sodes os mellores especialistas que Ferrol pode desexar”, afirmaron os representantes dos profesionais que acaban a súa residencia.

Especialidades acreditadas e coñecementos adquiridos

A Área Sanitaria de Ferrol conta con acreditación docente dende o ano 1978, sendo das primeras áreas de Galicia en dar pulo a esta faceta formativa; e, coa de Pneumoloxía que se acreditaba este ano, son xa un total de 25 as especialidades acreditadas na actualidade: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Anestesia e Reanimación, Medicina Intensiva, Anatomía Patolóxica, Microbioloxía, e Endocrinoloxía. Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), a Enfermaría Familiar e Comunitaria, e a Enfermaría de Saúde Mental. Xunto con isto, cóntase con 12 centros de saúde acreditados para a docencia. De xeito global, na actualidade, son 84 os titores e colaboradores docentes nos distintos centros acreditados da Área Sanitaria de Ferrol; e hai un total de 124 profesionais Residentes.

En termos xerais, xa que cada especialidade ten as súas peculiaridades, no caso dos Médicos Internos Residentes da especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, para completar a súa formación, os novos médicos residentes comezan traballando os primeiros meses nun centro de saúde da Área, e posteriormente rotan nos centros hospitalarios. Pola súa banda, as e os profesionais residentes do resto de especialidades realizan as rotacións e gardas correspondentes nos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. De xeito global, a supervisión do traballo dos residentes corre a cargo dos titores que son a referencia dos residentes durante a súa formación. Ó final de cada rotación, os residentes son avaliados polo seu titor, cualificándoos en base ós seus coñecementos e actitudes. Estes resultados, xunto cos méritos adicionais, como sesións clínicas ou investigacións que cada residente ten, establecen a súa avaliación anual e final, por un comité de avaliación.  

Pola súa banda, os contidos do programa formativo para as e os enfermeiros adecúanse ás necesidades actuais e futuras da atención no ámbito sanitario familiar e comunitario; e facilita os coñecementos necesarios cun amplo programa para adquirir experiencia rotando tanto no centro de saúde, como no hospital en distintas áreas, en Hospital de Día, nas urxencias e incluso na área de benestar social do Concello para familiarizarse coas estruturas sociosanitarias existentes. O primeiro ano de formación destes enfermeiros especialistas é máis técnico, e o segundo ano, é un traballo máis orientado cara ó paciente e ó seu entorno. Ademais esta unidade potencia a formación dos residentes no eido do traballo comunitario, buscando sempre a promoción da saúde, e a participación da comunidade adscrita a cada zona básica de saúde.

Alumnos de 6º de Grao de Medicina da USC

Por outra banda, os profesionais da Área Sanitaria de Ferrol despediron tamén ós 14 alumnos e alumnas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que realizaron toda a súa rotación de prácticas na área sanitaria ferrolá durante este curso. Os alumnos e alumnas puideron escoller calquera Área do Sergas, e 14 escolleron Ferrol. Estes alumnos de 6º curso rematarán con esta formación os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Tamén, logo de dar as grazas a profesionais e titores, tiveron unha referencia especial para "os nosos residentes maiores, por ser o nexo entre os profesioanis e nós. Ténsenos enchido a boca falando de rotatorio no CHUF, grazas por ter contribuído a iso".

Tras cursar as materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan a atención hospitalaria e do centro de saúde e adquiren competencias xerais, chega o momento de afondar en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzar os coñecementos máis globais. O obxectivo xeral é que os estudantes pasen por áreas específicas durante períodos de tempo concretos. A organización corresponde ós coordinadores docentes de cada centro, pero organízanse quendas para que todo o alumnado pase por materias clínicas, como Cardioloxía, Neuroloxía ou Medicina Interna, para exemplificar; por materias Cirúrxicas, como Traumatoloxía e Cirurxía Xeral; pola práctica clínica obstétrico-xinecolóxica, Pediátrica e Psiquiátrica; e polas Urxencias e Servizos Centrais, como os Laboratorios. 

Posteriormente, fanlle un exame de tódalas materias en Santiago de Compostela, unha Avaliación Clínica Obxectiva Estruturada (ACOE) de habilidades necesarias, e que se consideran básicas na atención ós pacientes. As denominadas estacións, coas que os avalían, son situacións clínicas nas que hai que actuar dun xeito común a todas elas, non só dende o punto de vista clínico, senón dende a actitude: comunicación e trato ó paciente; atención á familia; saúdo inicial; habilidades clínicas básicas, como a realización da entrevista clínica ou as técnicas de exame físico; habilidades preventivas; orientación diagnóstica e solicitude de probas complementarias; toma de decisións; ou manexo de material técnico.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde