A XUNTA PUBLICA A LICITACIÓN PARA A ADQUISICIÓN DE TRES ROBOTS CIRÚRXICOS PARA CIRURXÍA ORTOPÉDICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 05 2023

A Xunta de Galicia vén de publicar, na Plataforma de contratos públicos de Galicia, a licitación do subministro para a adquisición de tres robots cirúrxicos para cirurxía ortopédica, que se instalarán nos complexos hospitalarios de Santiago, Vigo e A Coruña, e nos que a Xunta investirá un total de 5.817.455 euros. 

A Xunta inicia así a extensión ao campo da cirurxía ortopédica dos avances en cirurxía robotizada que, desde 2021, se puxeron á disposición dos profesionais do Sergas para intervencións de uroloxía, xinecoloxía, cirurxía xeral e dixestiva, otorrinolaringoloxía ou cirurxía torácica. 

A utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo e de cadeira demostrou ser a máis vantaxosa para o doente comparadas coas técnicas manuais, supoñendo unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante, ademais de supoñer menor sangrado durante a cirurxía, menor dor postoperatoria, menor tempo de recuperación e de estancia hospitalaria e unha diminución das complicacións.

A artoplastia total de cadeira e a artroplastia total de xeonllo son, actualmente, dous dos procesos cirúrxicos de máis alta prevalenza en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, demostrando ser altamente efectivos á hora de mellorar a dor e a calidade de vida dos doentes con patoloxía dexenerativa ou inflamatoria de ditas articulacións.

Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos robóticos é de prover ao cirurxián dunha ferramenta específica para executar, de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a cinemática e o balance de partes brandas do xeonllo primitivo. O brazo robótico proporciona retroalimentación táctil, visual e auditiva para axudar ao cirurxián a lograr a orientación desexada, o que pode mellorar a estabilidade e mobilidade.

Esta iniciativa enmárcase dentro das actuacións financiadas ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid.

Cirurxía robótica na sanidade pública galega

A Xunta iniciou a súa aposta pola cirurxía robótica coa adquisición de sete robots que comezaron a funcionar no quirófanos das sete áreas sanitarias galegas en xullo de 2021 (Da Vinci) e que realizaron desde entón máis de 3.000 intervencións en eidos como a uroloxía, a xinecoloxía, a cirurxía xeral e dixestiva, a otorrinolaringoloxía ou a cirurxía torácica. 

En total, o investimento xa comprometido pola Xunta de Galicia para a instalación, mantemento e material para o funcionamento deste equipamento supera os 56 millóns de euros.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde