A XUNTA CREARÁ UNHA REDE DE APOIO Á CESACIÓN TABÁQUICA CON SEGUIMENTO TELEMÁTICO DOS PACIENTES A TRAVÉS DA PLATAFORMA TELEA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2023

“A Xunta de Galicia creará unha rede de apoio á cesación tabáquica con seguimento dos nosos profesionais especialistas en tabaquismo, para o que empregaremos a plataforma tabáquica de seguimento do Sergas, Telea”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de presentación e posta en marcha do Plan Inspira Saúde, elaborado pola Consellería de Sanidade a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública. O obxectivo da Xunta con este plan é reducir a prevalencia do consumo de tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% no 2027 e nos adolescentes por baixo do 5%.

Comesaña remarcou que, no marco do Plan, o seu departamento elaborará un perfil epidemiolóxico que defina os determinantes que se relacionan cun alto risco de padecer enfermidades relacionadas co tabaquismo, “algo que será posible grazas ao big data da nosa historia clínica electrónica”.

Tamén destacou o titular da carteira sanitaria, o desenvolvemento dun programa piloto de diagnóstico precoz de cancro de pulmón, e a detección precoz doutras enfermidades provocadas polo consumo de tabaco, como a EPOC ou as enfermidades cardiovasculares. A tal efecto, “empregaremos ferramentas de intelixencia artificial que nos permitirán estratificar o risco do paciente de padecer a enfermidade”.

Xunto ao anterior, e para incidir na concienciación, o conselleiro dixo que a Xunta establecerá o 31 de outubro como o Día Galego sen Tabaco, e crearase a Rede Cidadá Inspira Saúde, para a promoción dunha vida sen tabaco. “O Plan tamén tratará, ao mesmo nivel que o tabaco convencional, os dispositivos tipo vapeadores ou cigarros electrónicos. Tamén incidiremos na formación continua dos profesionais implicados neste plan, coa colaboración da Escola Galega de Saúde Pública”.

Así mesmo, crearanse máis espazos sen fume ao aire libre, actualmente cóntase con 214 praias sen fume en 80 concellos e 18 parques en 18 concellos, “iniciativa que ampliarase aos campos de fútbol, canchas de baloncesto, piscinas descubertas e mesmo campus universitarios”.

Medidas específicas para a adolescencia

Tal e como remarcou o conselleiro, o Plan Inspira Saúde, conta con numerosas medidas dedicadas especificamente á adolescencia, co obxectivo de reducir a incidencia do consumo de tabaco nesta franxa de idade. Estas medidas abranguen dende a promoción dunha cultura libre entre a mocidade, con campañas de sensibilización e información con especial atención ás redes sociais, pasando polo reforzo das políticas de control e vixilancia do cumprimento da lexislación vixente en materia de tabaco, e ata o fomento de estilos de vida saudables. “O obxectivo destas medidas centradas na adolescencia é acadar que sexan eles os que descubran os beneficios de non iniciar o consumo de tabaco ou de deixalo”.

Comesaña dixo que o Executivo galego está a traballar no desenvolvemento dunha lei de prevención de adicións en menores, “pois preocúpanos moito a diminución da percepción do risco do consumo de tabaco, alcol e cánnabis nos máis novos”.

Tamén sinalou na súa intervención que, na nosa comunidade, a peche do ano 2021, o consumo de tabaco situábase preto do 21% na poboación con 16 e máis anos, e nas persoas de 25 a 44 superaba o 27%, sendo a porcentaxe de poboación que fuma a diario do 16% na franxa de 16 e máis anos, e chegando ao 21% no grupo de 25 a 44.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu o seu traballo a todas as persoas que participaron na elaboración do plan.

No acto, que se celebrou hoxe, coincidindo co Día Mundial sen Tabaco, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo; polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; e polo profesor de Farmacoloxía e director do Máster de Tabaquismo na Universidade de Cantabria, Francisco Javier Ayesta Ayesta. 

A presentación detallada do Plan correu a cargo de Silvia Suárez Luque, subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde