A CONSULTA DE TABAQUISMO DO CHUF ESTÁ A ATENDER ACTUALMENTE A 73 PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2023

​Diversos departamentos da Área Sanitaria de Ferrol uníronse para colaborar nas diferentes actividades que se desenvolveron por por mor do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra hoxe mércores 31 de maio, tal e como se adiantaba onte. Na sesión clínica xeral dos e das profesionais, que se realizaba esta mañá no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, centráronse na actualización sobre a abordaxe do tabaquismo e referíronse á Consulta de Tabaquismo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que está a atender actualmente a 73 pacientes.

Nesta sesión, participaron a responsable do Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Carmen Diego Roza; a especialista en Medicina Familiar e Comunitaria do centro de saúde de Narón, Elena Romero Pérez; e a enfermeira responsable da Consulta de Tabaquismo do CHUF, Pilar Darriba Rodríguez. Como indica Carmen Diego Roza, trátase  de facer unha sesión de actualización que sexa multidisciplinar como é a atención ó tabaquismo.

Na Área Sanitaria de Ferrol hai un Comité de Prevención do Tabaquismo que aborda esta cuestión de xeito conxunto e multidisciplinar. Carmen Diego Roza perfilou as claves nas guías de Atención ó Tabaquismo coas que se conta para abordar este problema, e a actualización das novidades dos tratamentos. “O tabaquismo é unha adición e como tal hai que tratala, e non hai pastillas máxicas para deixar de fumar”, subliña. O primeiro paso para abandonar o tabaco dáse no centro de saúde, e son estes profesionais, xunto cos das especialidades de Neuroloxía, Cardioloxía e Oncoloxía, os que máis derivan á consulta específica de Tabaquismo no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Consello breve e oferta de axuda

Dese primeiro chanzo para abandonar o nocivo hábito de fumar falou Elena Romero, a facultativa do centro de saúde de Narón, “a atención primaria desempeña un papel fundamental na abordaxe do tabaquismo debido á súa accesibilidade, e a prestación de coidados integrais e continuos á poboación”, e seguiu, “é importante implementar na práctica diaria a intervención coñecida como consello breve, seguido da oferta de axuda. É primordial involucrar ó persoal de enfermería e a outros profesionais da saúde de diferentes especialidades neste labor”.

Estímase que o 70% dos fumadores considera nalgún momento deixar de fumar. O "consello breve sobre tabaquismo" é útil, alcanzable e motivador, polo que debe brindarse a tódolos pacientes fumadores e exfumadores que acudan a calquera consulta médica ou de enfermería, independentemente do motivo da visita, expuña esta mañá. Por isto, afondou, “é necesario cambiar a nosa actitude pasiva por unha máis intervencionista cara ao paciente fumador, independentemente de se expresou a súa intención de deixar de fumar ou non”. Demostrouse que só cun "consello breve", o 4,9% dos fumadores deixarán de fumar, en comparación co 1,2% daqueles que non reciben esta intervención. É imprescindible adquirir os coñecementos e habilidades necesarias para tratar esta enfermidade aditiva crónica, que causa aproximadamente 54.000 mortes ó ano en España, remataba.

Consulta de Tabaquismo do CHUF

Pola súa banda, a enfermeira Pilar Darriba, falou da actividade na consulta de Tabaquismo do CHUF, e afirmou que os pacientes “chegan con dúbidas, mitos ou ideas preconcebidas”. Nesta consulta, faise unha valoración inicial e xeral do paciente por parte da enfermeira, entrevista, diversos test, e valores como talla e peso, entre outros. A continuación, o paciente pasa á consulta co penumólogo, explicou, onde se establece un diagnóstico e tratamento acorde. A primeira consulta sempre é presencial e as consultas sucesivas poden ser tanto telefónicas como presenciais, e de acordo co paciente. Realízase un programa de seguimento de ata sete contactos. “Na consulta de Enfermaría establécese un clima de confianza e achegamento que favorece a deshabituación”, subliña Pilar Darriba.

Nesta consulta están a atenderse na actualidade 73 pacientes, dos que o 42% están en proceso de deshabituación sen fumar, e o 58% en fase de preparación. En total, só nun ano, realizáronse 543 consultas dirixidas a 120 pacientes. Pilar Darriba expuxo que o principal motivo argumentado para deixar de fumar é a saúde, por patoloxías recientes derivadas do consumo do tabaco. Concluíu que “as consultas de tabaquismo son fundamentais para axudar ós pacientes a deixar de fumar”; e que “o éxito acadarase se o profesional identifica e recoñece as preocupacións do paciente, incorporándoas ó seu proceso”.

Alimentos e reflexión a cambio de marcapáxinas

Pola sua banda, a Biblioteca, a Unidade de Calidade, Mantemento, e a Asociación Deportiva e Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (Adecasfe), e as residentes de Enfermaría do centro de saúde Fontenla Maristany colaboraron nun proxecto no que se invitou á poboación a seguir o lema do Día Mundial sen Tabaco, Cultivemos alimentos e non tabaco, e puxeron a disposición da poboación espazos onde deixar alimentos non perecedoiros para a cociña económica a cambio dun marcapáxinas que recordan que deixando o tabaco se gaña en saúde. Pódense depositar os alimentos tanto no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide (nas escaleiras mecánicas) como na porta principal do centro de saúde Fontenla Maristany en Ferrol. A caixa do hospital estará durante quince días; e a do centro de saúde Fontenla Maristany estaba durante a xornada de hoxe.

Xunto con isto, a poboación tamén puido plasmar en taboleiros, a cambio tamén dun marcapáxinas, os seus motivos tanto para deixar de fumar como para non facelo, co que se invita á reflexión sobre o hábito tabáquico. Foi nas mesas informativas do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo e do centro sanitario Fontenla Maristany de Ferrol, durante a xornada da mañá.

Por último, lembrar que tamén haberá información sobre o tabaco na Xornada Inferniño Saudable que organiza a rede local de promoción da saúde, mañá xoves 1 de xuño, entre as 11:00 e as 13:00, no Centro Cultural Carvallo Calero. Aquí a rede asociativa do barrio programou diversas actividades para a potenciación dos hábitos saudables, entre eles, a información sobre o tabaco.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde