​A XUNTA COMPLETARÁ ESTE XUÑO A INSTALACIÓN DE NOVOS EQUIPOS TC CON TECNOLOXÍA ESPECTRAL NAS SETE ÁREAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2023
 

 

A Xunta de Galicia completará, neste mes de xuño, a instalación de novos equipos TC con tecnoloxía espectral nas sete áreas sanitarias, o que supuxo un investimento de cinco millóns de euros de fondos autonómicos para engadirse aos europeos. Así o destacou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, no acto de inauguración da III Xornadas da Sociedade Española de Radioloxía Médica, dedicadas ao diagnóstico por Resonancia Magnética.  

Neste foro, Aboal detallou as decisións do Goberno galego para seguir reforzando a capacidade diagnóstica do sistema sanitario público galego en materia radiolóxica. Así, tamén sinalou que, entre este ano e o vindeiro, “a Xunta vai renovar todos os equipos de radiodiagnóstico de máis de oitos anos que estean instalados nos nosos centros de atención primaria”. Isto supón a renovación de 25 equipos, varios deles duplicando a súa capacidade, e tamén a incorporación do servizo de radiodiagnóstico a tres centros de primaria que non contaban até o de agora con el, que son os de Rianxo, Ortigueira e Pontedeume.

Os fondos europeos están a permitirnos, -dixo Aboal-, acelerar o proceso de renovación da aparataxe no conxunto das áreas sanitarias do Sergas. Así, adquiríronse novas resonancias que xa se están a utilizar en Ferrol, se están a instalar en A Mariña, A Coruña e Vigo, e chegarán tamén, antes de final de ano, a Pontevedra e Santiago de Compostela, “co cal o conxunto dos radiólogos e dos pacientes de Galicia terán acceso, dentro da súa área sanitaria, á tecnoloxía máis moderna en materia de resonancia magnética”.

Distribución con criterios de equidade

Segundo Aboal, “este equilibrio tamén o estamos a manter no ámbito radiolóxico da tomografía computerizada”. Os fondos europeos facilitaron a renovación de ata 34 equipos TC en todos os hospitais do Sergas, incluíndo os sete comarcais, “xa que a Xunta considera que debe distribuír esta tecnoloxía en todo o territorio con criterios de equidade”.

No apartado de radioloxía intervencionista, Aboal sinalou que a Xunta apostou porque un dos catro novos equipos de radioloxía vascular fose a parar a Ferrol, que non contaba con esta tecnoloxía, e que dous dos outros catro novos equipos de neurorradioloxía se instalasen en Lugo e Ourense, dúas áreas que non dispoñían destes equipos.

Tamén dixo que o Sergas acaba de convocar, por concurso de méritos, ata sete prazas de radiodiagnóstico para os seus hospitais comarcais, “xa que todo esforzo é pouco para garantir unha correcta atención radiolóxica nos nosos centros”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde