UCI EN REDE: XUNTOS POLO DOENTE CRÍTICO É O LEMA DA XXXV REUNIÓN DA SOCIEDADE GALEGA DE MEDICINA INTENSIVA QUE SE CELEBRA EN FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 06 2023

​UCI en rede: Xuntos polo doente crítico é o lema da XXXV Reunión Anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva, que se reúne  nesta ocasión en Ferrol, hoxe xoves, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario de Ferrol. Asisten ó redor duns 60 profesionais para, como indica a facultativa Isabel Álvarez Diéguez, responsable do Servizo de Medicina Intensiva do Complexo, unidade organizadora do encontro,, “poñernos ó día en todo o novidoso e beneficioso para o paciente”.

Como indica esta profesional ferrolá, o encontro estrutúrase en tres mesas nas que “procuramos que estiveran presentes as UCI das sete áreas sanitarias”. E abórdanse tres grandes temas: A sedoanalxesia no paciente crítico, perspectivas actuais; Novas ferramentas en UCI; e A abordaxe do Shock Cardioxénico nun hospital dos denominados de segundo nivel, de tamaño mediano como é o ferrolá, por exemplo. Están invitados, ademais dos profesionais da especialidade, os servizos máis en contacto co paciente crítico, por exemplo, Urxencias, Anestesioloxía ou Cardioloxía, entre outras.

Álvarez Diéguez explica, referíndose á Covid, que o Comité avogou nesta xuntanza anual por este lema porque “se algo temos sacado dos últimos anos, é a capacidade de traballo en equipo, xa non só a nivel interno dentro de cada servizo, senón entre as sete UCI galegas. Todos unidos cun obxectivo claro: soster ó doente crítico”. E subliña, “estivemos sempre en contacto directo, axudándonos en todo o que puidemos. Funcionamos as sete como se foramos unha grande UCI, e todos interactuamos con todos”. Ese período, engade, “deu a coñecer a especialidade á poboación xeral, xa que, excepto a persoa que a precisara ou os seus familiares, era unha especialidade descoñecida”.

Sedoanalxesia, ferramentas e shock cardioxénico

No acto inaugural estivo presente, xunto a Álvarez Diéguez, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, quen incidiu no agradecemento ó persoal deste Servizo en numerosas ocasións ó longo da súa intervención, sobre todo ó se referir o seu papel na pandemia pola Covid, “fixeron un traballo incrible e o seguen a facer”. E engadiu “os profesionais deron un paso ó fronte e se puxeron por diante”, e “a súa profesionalidade foi descomunal, demostrando o valor da atención ós críticos en Galicia”.

No que se refire a sedoanalxesia, “é algo que nos preocupa moito ós intensivistas”, e abordarase, por exemplo a monitorización da mesma individualizando os coidados, xa que cada paciente ten as súas necesidades e peculiaridades. Na mesa das novas ferramentas en UCI, refírense, entre outras cuestións, ó papel da simulación clínica neste ámbito, e modera o facultativo do Servizo ferrolá, Álvaro Nieto García. Ten protagonismo tamén a extracción de Dióxido de Carbono con monitor de Hemodialfiltración, coa asistencia dun especialista experto de Portugal, Jacobo Bacariza Blanco. 

A terceira das mesas, dedícase a atención ó shock cardioxénico, cando o corazón é incapaz de bombear toda a sangre que o corpo necesita. E matiza a intensivista Isabel Diéguez, “para un hospital mediano isto é algo que preocupa moito. Hai que se pór ó día nos xeitos de actuar cos pacientes que están extremadamente graves e ós que hai que darlles saída cara un hospital dos denominados de terceiro nivel, e que son referencia para o resto. Por exemplo, que contan con ECMO e cirurxía cardíaca.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde