​VERÍN ACOLLE HOXE UNHA REUNIÓN GALEGA DE TRAUMATOLOXÍA CENTRADA NA INFECCIÓN DOS IMPLANTES ARTICULARES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2023

O salón de actos do Hospital Público de Verín acolle esta mañá unha reunión da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (SOGACOT) á que asisten medio centenar de especialistas de Galicia e Portugal para afondar na tipoloxía, riscos e resposta ante a infección dunha prótese articular, evento pouco frecuente pero crecente ante o incremento de implantes, 1.993 o pasado ano só na nosa Área Sanitaria.

A reunión, organizada polo especialista do Hospital Público de Verín, Angel López, repasará, da man de numerosos expertos, a complexidade deste evento adverso. “A infección de prótese articular é unha entidade, por fortuna, pouco frecuente pero que xera unha gran alteración na saúde e calidade de vida do doente que a sofre, sendo ademais tremendamente consuntiva de recursos económicos e clínicos,” explica o doutor López.

A incidencia destas infeccións varía entre o un e o tres por cento do total de próteses articulares implantadas, con variacións segundo o tipo de prótese, non si é un tema a ter cada vez máis en conta. Dunha banda, polo crecente número de implantes, derivado do aumento da esperanza de vida, e tamén polos factores de risco asociados ao envellecemento, como o aumento de patoloxías crónicas ou de base dos pacientes que se deben someter a esta intervención.

Autocoidado pre e post-cirúrxico

Neste senso, o doutor López explica que “os factores que máis inflúen, máis alá do propio acto cirúrxico, son aqueles relacionados coas patoloxías do paciente, como a inmunosupresión e condicións previas, como pode ser a obesidade e o mal control glucémico de persoas con diabete” di o especialista.

Nesta liña, os pacientes tamén poden intervir para limitar os riscos cara a unha intervención de implante articular, non só nos coidados postcirúrxicos, como evitar coller peso e facer os exercicios aconsellados en cada momento, senón tamén preparándose para afrontar a operación coa mellor saúde posible, facendo unha vida o máis san posible e mellorando o autocoidado.

5 millóns de euros anuais en implantes

No Distrito Sanitario de Verín realizáronse o pasado ano un total de 146 intervencións para o implante de proteses articulares, dun total de 1.993 en toda a provincia. As máis numerosas, tanto neste hospital como no de Valdeorras e no de Ourense son as de cadril, 812 no conxunto da área sanitaria, seguidas das de xeonllo, 778, e moi por debaixo a doutras articulacións como o nocello, 403.

A mellora das técnicas, o coidado da saúde e a alta esperanza de vida, con intervencións cada vez máis frecuentes en persoas de idades moi avanzadas, mínimo un centanario ao mes, convirte Ourense nun marco excepcional para o estudo destes procedementos, que supoñen a súa vez un importante investimento de recursos humanos e económicos. Tan só en 2022 o gasto en próteses articulares e material de osteosíntese, preciso para o implante, ascendeu a 5 millóns de euros. Unha cifra que aumenta anualmente.

Reunión intercongresos

A reunión de Verín encádrase no que a SOGACOT chama reunións intercongresos, a dous anos de cada xuntanza galega. Nestes encontros priorízase o contacto cos profesionais dos hospitais comarcais, poñendo en valor o traballo que realizan os seus especialistas.

O programa comezou coa mesa moderada polo doutor Ricardo Sousa, do Hospital CUF Trinidade de Oporto, cos relatorios: Epidemioloxía e clasificación da infección protésica, a cargo da Dra. Cristina Penín, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Evidencia actual na prevención e optimización do paciente, por David Ruba, do Hospital Universitario de Lugo. Criterios diagnósticos de infección, por Lily Fletcher de  POVISA e aspectos microbiolóxicos e novas ferramentas diagnósticas en microbioloxía, con Patricia Álvarez do Hospital de Pontevedra.

A segunda mesa esta moderada por Pablo Codesido do H.U. de A Coruña, que abordará: Indicacións e contraindicacións do DAIR, por Antón López, do CHUVI. Indicacións e contraindicacións do recambio nun tempo, con Luís Rise Rodríguez, do Hospital Universitario de Ourense. Indicacións e contraindicacións do recambio en dous tempos, con Fermín Mandía, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; e espaciadores de cemento: dose, tipo e técnica, a cargo de José Yáñez do HUAC.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde