A XUNTA REDUCIRÁ A PEGADA AMBIENTAL XERADA POLOS SISTEMAS DE ANESTESIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 06 2023
O Consello da Xunta reunido no día de hoxe abordou un informe da Consellería de Sanidade sobre a proposta do proxecto de anestesia sostible. No informe recóllese que a situación actual do Sergas en canto a proxectos de innovación relacionados coa mellora do noso comportamento ambiental, así como a dotación de 98 máquinas de anestesia de altas prestacións, adquiridas en setembro do pasado ano pola Xunta por preto de  cinco millóns de euros, colocan ao departamento sanitario galego nunha posición estratéxica para liderar un proxecto de Anestesia Sostible que, por alcance (rexional) e situación tecnolóxica, non ten equivalente en Europa. 

 

Este proxecto pretende mitigar o impacto que os gases empregados na anestesia xeral inhalada teñen na pegada ambiental da actividade sanitaria. Os gases anestésicos empregados na indución e no mantemento da anestesia xeral son de elevado efecto invernadoiro e supoñen ao redor do 5% do total das emisións dos sistemas de saúde. O impacto é tan elevado que a eliminación dos gases de maior efecto so na área sanitaria da Coruña e Cee, sería a equivalente a reducir as emisións producidas por máis de 1.400 vos entre Barcelona e Copenhague, ou por un vehículo que realizase 200 voltas completas ao mundo. Para neutralizar o efecto destas emisións so nun área sanitaria sería preciso plantar máis de 40.000 árbores.


Os obxectivos deste proxecto son dous, ademais do principal, que consiste na redución da utilización dos gases con maior potencial ​de quecemento, debe estudarse a viabilidade da substitución dos procesos de anestesia xeral por solucións máis sostibles, cando sexa posible, e sempre garantindo a seguridade do paciente e da propia intervención.


A renovación tecnolóxica nos quirófanos do Sergas cos novos sistemas de anestesia de altas prestacións, aproveitarase para poñer en marcha este proxecto empezando pola concienciación dos xestores e dos profesionais da anestesia, dando a formación adecuada e necesaria e, terminando por determinar a nosa liña de base e a evolución do comportamento ambiental da anestesia xeral inhalada no Sergas. Isto é posible porque as novas máquinas adquiridas polo Sergas dispoñen da tecnoloxía adecuada para poder reducir, medir e controlar, de xeito moi preciso, o emprego dos gases durante a anestesia xeral.


Innovador e pioneiro

A recente renovación centralizada de sistemas de anestesia para os bloques cirúrxicos do Sergas, consistente nesas preto de 100 máquinas, xerou unha situación estratéxica para poñer en marcha no proxecto de "Anestesia Sostible", debido ao seu carácter innovador e pioneiro tanto en España como fóra. 


Estes novos sistemas de anestesia, de altas prestacións, foron adquiridos con requisitos de traballo a baixo fluxo, circuíto pechado e anestesia automática. Ademais, son capaces de monitorizar o consumo de axente anestésico e presentan un menor consumo eléctrico en comparación coas máquinas de xeracións anteriores. 


A monitorización do consumo de gas nas máquinas, cuxo dato é exportable, permitirá a transformación directa dos devanditos consumos en emisións, sen a necesidade de estimalos en base á adquisición de botellas. Así mesmo, a monitorización dos consumos permitirá identificar e abordar aqueles puntos onde o uso non sexa eficiente nin medioambientalmente aceptable. 


No contrato de subministración dos sistemas de anestesia incluíuse a formación obrigatoria do provedor en traballo con baixos fluxos, así como a formación inicial das máquinas. Actualmente, está a traballar na elaboración dun programa de formación que abrangue diferentes aspectos da “Anestesia Sostible”. 


 

Proxectos do Sergas en materia ambiental

 

Cómpre remarcar que o Sergas leva anos traballando en materia ambiental a través de múltiples proxectos que abranguen tanto a mitigación (redución do noso impacto) como a adaptación. Os centros do organismo sanitario galego xa dispoñen de información da súa pegada de carbono.


Actualmente, o Sergas atópase traballando na elaboración da súa propia estratexia ambiental e de Economía Circular aliñada coa Estratexia de Economía Circular da Xunta de Galicia. O organismo sanitario galego sumouse en 2021 ao proxecto Race to Zero, que promove Nacións Unidas, co obxectivo de conseguir cero emisións de carbono nas instalacións sanitarias no 2040, sendo o Sergas o único servizo de saúde de todo o Estado que apostou pola carreira cara ao cero. 


Outras medidas do Sergas neste campo destacadas son os proxectos Low Carbon e o Life Resystal, iniciativa piloto no Hospital de Lugo, a primeira, e no de Ourense, a segunda. Ademais, o Sergas recibiu varios premios internacionais no ámbito da sustentabilidade polas súas iniciativas, liderado e resiliencia, e é xa un referente en Europa.


Sinalar que a actividade sanitaria é responsable do 5% das emisións totais. Esta porcentaxe é mesmo maior nos países con sanidade pública e universal con gran nivel de desenvolvemento, como é España. Dentro das emisións propiamente derivadas da actividade asistencial, atópanse as producidas polos procedementos de anestesia xeral.



 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde