A XUNTA DESTACA O LABOR DOCENTE DO PERSOAL DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA NA FORMACIÓN DOS NOVOS GRADUADOS EN ENXEÑARÍA BIOMÉDICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 06 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de graduación da Escola de Enxeñaría Industrial, o labor docente do persoal da sanidade pública galega na formación dos novos graduados en enxeñaría biomédica. 

Tal e como subliñou o titular da carteira sanitaria, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e a área sanitaria, centraron os seus esforzos na formación dos estudantes, polo que agradeceu o labor dos profesores asociados en Ciencias da Saúde, entre os que se atopan profesionais de distintas especialidades. Este labor, -proseguiu o conselleiro-, facilita a oferta dunha formación universitaria orientada á investigación e ao desenvolvemento de equipos electrónicos utilizados nos centros sanitarios para o diagnóstico e a práctica clínica, así como noutros campos como a telemedicina ou a xestión sanitaria, o que redunda na optimización do noso sistema sanitario.

Na súa intervención, o máximo responsable do Sergas sinalou que ao redor dun terzo dos estudantes da primeira promoción de graduados en Enxeñaría Biomédica, decidiu seguir formándose no Máster ou nalgún dobre grao desta institución, o que confirma a confianza depositada no traballo da Escola.

Ademais, Comesaña dixo que o Sergas ofertou, por primeira vez, a finais do pasado ano, a incorporación da categoría de enxeñeiro superior biomédico ás listas de selección de persoal estatutario temporal, nas que foron admitidos 41 aspirantes. Estas listas, permiten incorporar enxeñeiros biomédicos ás prazas que procedan, co fin de desenvolver, aplicar, manter e xestionar tecnoloxías biomédicas no sistema de saúde.

Así mesmo, o conselleiro remarcou que se está a traballar en colaboración con diferentes grupos de investigación para o desenvolvemento de prácticas ou proxectos dentro da Fundación Biomédica Galicia Sur e da Fundación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.

Tamén destacou o feito de que os tres institutos de investigación sanitaria galegos formen parte da Rede de centros acreditados polo Instituto de Saúde Carlos III.

No que se refire aos demais graos do ámbito industrial, tamén podemos atopar titulados que están a traballar en empresas do sector sanitario e no propio Sergas. A súa presenza maniféstase en áreas como o mantemento de equipos e instalacións ou proxectos de instalacións sanitarias, entre outras.

Tamén destacou o importante papel dos enxeñeiros industriais que traballan en temas de equipamentos para electromedicina, robótica médica ou organización e loxística.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde