A XUNTA AVANZA NA RENOVACIÓN DO PARQUE MÓBIL DE DOAZÓN DE SANGUE COA POSTA EN MARCHA DA NOVA UNIDADE QUE REFORZARÁ O SERVIZO NA ÁREA SANITARIA DE OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2023

A Xunta de Galicia avanza na renovación do parque móbil de doazón de sangue coa posta en marcha da nova unidade que reforzará o servizo na área sanitaria de Ourense. Ao acto de presentación da nova unidade, que comezou a funcionar neste semana en probas e a partir do luns incorporarase xa ao servizo normal, acudiu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; pola directora de ADOS, Marisa López, e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria, os 353.000 euros investidos nesta unidade e a adquisición dunha nova para Lugo neste ano, “elevarán o investimento total desa renovación a case dous millóns de euros nos últimos catro anos”. En concreto, no ano 2018 adquiríronse dúas novas unidades para as áreas de Santiago e Pontevedra e, posteriormente, incorporouse outra para a de Vigo. No ano 2021 adxudicouse unha nova para a área da Coruña.

Esta nova unidade móbil, que ten unhas dimensións de 12,2 metros de lonxitude e 3,4 de altura, está dividida en tres áreas diferenciadas: un espazo de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para catro padiolas e unha zona de refrixerio. Ademais, salientar que o vehículo foi rotulado na parte exterior de xeito innovador, convidando de maneira visual á cidadanía a colaborar de forma activa nas campañas de doazón, tal e como indica o lema de ADOS: “#Súmate ao noso equipo”.

Xunto ao anterior, conta con subministración eléctrica autónoma e sistema de climatización, así como a última tecnoloxía para garantir a máxima seguridade e confort dos cidadáns que realizan a súa doazón de sangue. Neste senso, subliñar que foron reforzados todos os equipamentos de seguridade, activos e pasivos, que se poden ofrecer na actualidade. Con esta nova unidade, xa son preto de 15 os vehículos que recorren diariamente os concellos galegos destinados a atender as necesidades da doazón de sangue.

Mensaxe aos doadores

O conselleiro remarcou que, en determinadas épocas do ano, pode que baixe o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que necesitan os centros sanitarios. “Cando temos problemas de reservas apelamos á xenerosidade e altruísmo de toda a cidadanía para que contribúan a incrementar as reservas de sangue, e o certo é que a cidadanía galega sempre cumpre. Por iso quixemos poñer en valor a solidariedade amosada por todas e todos os doantes mediante o envío dunha mensaxe ás persoas que participen de xeito voluntario nas campañas de doazón”. Así, -tal e como explicou Comesaña-, para reforzar ese vínculo entre a cidadanía e a sanidade pública que recibe a súa doazón, “o doante recibe agora unha mensaxe de agradecemento no momento no que se empregue a súa doazón para tratar un paciente do Sergas. É unha novidade coa que a Xunta quere facer máis visible ante a cidadanía o resultado da súa xenerosidade”.

Galicia, entre as comunidades con maior taxa de doazón

O máximo responsable do Sergas incidiu en que Galicia ten unha taxa de 40 doazóns por cada mil habitantes e ano, “o que significa que estamos dentro dos índices recomendados pola OMS e entre as comunidades con maior taxa”. En concreto, no ano 2022, a cidadanía galega realizou máis de 106.000 doazóns. “Non se trata soamente de cifras, senón que estas doazóns conducen a diversas actuacións hospitalarias. Grazas a elas é posible atender milleiros de intervencións cirúrxicas, centos de transplantes de órganos e centos de milleiros de urxencias hospitalarias. Actuacións que puideron salvar vidas e mellorar de xeito radical a saúde dos pacientes”.

Ademais, -proseguiu Comesaña-, “boa parte do uso dos compoñentes sanguíneos destínase a pacientes crónicos e oncolóxicos; e o 80% das doazóns que se efectúan cada ano realízanse a través destas unidades móbiles, algo que hai que agradecerlle a profesionais e cidadanía”.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que, “por un lado, temos que darlle os parabéns ao persoal de ADOS, un equipo humano de centos de profesionais que desenvolve un traballo fundamental para a sanidade pública galega e que lle agradecemos; e, por outro, aos milleiros de persoas que doan sangue cada ano en Galicia”. 

 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde