​550 PERSOAS CONVIVEN EN OURENSE CUN DIAGNÓSTICO DE ESCLEROSE MÚLTIPLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 06 2023

En Ourense 550 persoas conviven a diario cun diagnóstico de esclerose múltiple, unha enfermidade neurolóxica crónica de carácter autoinmune, que nos últimos anos ten experimentado un gran avance nos tratamentos, máis efectivos e incluso limitados no tempo, mellorando cada vez máis o control da enfermidade e a calidade de vida dos pacientes, dos que dúas de cada tres son mulleres.

A maior efectividade dos tratamentos e o diagnóstico precoz fai que aumente a súa prevalencia, cun cada vez maior número de pacientes a seguemento, cunha periodicidade variable, pero nunca menor de seis meses. Para elo a Área Sanitaria conta cunha consulta específica no Servizo de Neuroloxía, coordinada coa do Servizo de Farmacia, clave tamén para o contacto cos pacientes e dispensación dos tratamentos, todos eles cubertos ao 100% e de recollida no hospital de referencia.

A dispensación hospitalaria, por parte do Servizo de Farmacia, é moi importante tendo en conta a alta personalización dos tratamentos -adaptados por Neuroloxía as características de cada paciente- e seu alto custe: 4.384.423 de euros en 2022, o que supón unha media de 9.721 euros ao ano por paciente, oscilando entre os máis caros de máis de 22.000/ano aos 2.300, só en fármacos.

Neste traballo en equipo hai que mencionar tamén o importante papel no diagnóstico da EM do Servizo de Neurofisioloxía, responsable dunha proba diagnóstica clave como a de potenciais evocados visuais, ou resposta provocada visual (VER).

Maior calidade de vida dos pacientes

Para Antonio Pato Pato, responsable da consulta de Esclerose Múltiple en Ourense, no tratamento hai un antes e un despois desde 2008, data desde a que dispuxeron do primeiro tratamento farmacolóxico baseado en anticorpos monoclonais, tras depender case en exclusiva dun único fármaco. “Hai vinte anos moitos pacientes acudían en cadeira de rodas, hoxe iso é excepcional” dí o especialista, que destaca a cada vez maior efectividade e con menores efectos secundarios.

Os novos fármacos veñen en numerosas presentacións, orais ou inxectables, “algúns so precisan unha inxección ao mes, ou incluso un tratamento ao ano que remata aos dous anos” dí o doutor Pato. Este é o motivo polo que, dos 550 pacientes, so uns 80% están a tratamento, aínda que tamén subliña que en en determinados pacientes en fases avanzadas estes se suspendan.

Orixe descoñecida e maior afectación en Galicia

A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica e dexenerativa do sistema nervioso central, que afecta ao cerebro e a medula espinal, e pode provocar discapacidade. Coa esclerose múltiple, o sistema inmunitario ataca á mielina, proteína protectora que recubre as fibras nerviosas, causando problemas de comunicación entre o cerebro e o resto do corpo.

Os signos e síntomas da esclerose múltiple varían moito segundo o pacientes, xa que dependen da localización e a gravidade do dano á fibra nerviosa. Pode cursar en brotes ou ser progresiva. Así, algunhas persoas con esclerose múltiple avanzada poden perder capacidade motora, mentres que outras persoas poden ter longos períodos de remisión sen síntomas novos.

O doutor Pato chama á esperanza ante o diagnóstico “na actualidade conseguimos controlar a enfermidade nunha alta porcentaxe dos pacientes, mellorando a calidade de vida” ademais destaca que os fármacos  teñen unha alta tolerancia, lembrando que por norma xeral “é importante facer deporte, fisioterapia e rehabilitación” ademais de abandonar hábitos nocivos como o tabaco, “facendo en xeral unha vida máis san, e por suposto acudir as revisións”.

En caso dos pacientes que levan anos a tratamento invita a non desanimarse “cada vez dispoñemos de máis fármacos efectivos, o que posibilita facer cambios nos tratamentos ata dar co máis efectivo para cada caso”. De feito subliña que nos últimos anos está a cambiar o paradigma terapéutico.

En Galicia distintos estudos suxiren unha maior incidencia, que podería ser superior en Ourense. Segundo datos (de 2018) en Galicia hai uns 140 casos de esclerosis múltiple por cada 100.000 habitantes, o que supón unha incidencia moito máis alta que no resto do país, cunha media de 90/100.000. En Ourense, con mayor incidencia, se alcanzarían os 183 casos por 100.000 habitantes.

A orixe desta enfermidade autoinmune e porqué afecta máis a muller é ainda descoñecida, aínda que cada vez mais se coñece máis un posible predisposición xenética, ademais de factores externos, como a relación entre a infección polo virus de “Epstein-Barr”, causante da mononucleose,  e por suposto a hipótese da herencia vikinga, que en Ourense tamén se aplica a unha afección ocular con maior incidencia na provincia que no resto do país, en niveles similares aos de Escocia e os países escandinavos: o glaucoma pseudoexfoliativo. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde