A XUNTA, EN COORDINACIÓN ESTREITA CO CONCELLO DE BETANZOS, REUNIUSE EN SANTIAGO PARA SEGUIR A EVOLUCIÓN DO BROTE DE GASTROENTERITE E ESTABLECER NOVAS MEDIDAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2023

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán; a alcaldesa de Betanzos, María Barral; e representantes da Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña; de Augas de Galicia; e da concesionaria Viaqua, co apoio de expertos, reuníronse hoxe pola mañá no Edificio Administrativo de San Lázaro, para analizar as medidas necesarias para resolver a situación plantexada no concello de Betanzos. Dende o principio, a coordinación entre os diferentes departamentos da Xunta e do concello foi completa, realizándose todas as medidas en colaboración.

Como conclusións da reunión mantida en Santiago de Compostela, acordáronse, con carácter inmediato, as seguintes medidas de carácter preventivo:

• Aplicar un plan de limpeza e desinfección de todas as instalacións que contemple unha limpeza exhaustiva, así como a hipercloración da auga.

• Intensificar os controis analíticos actuais, tanto na captación como na rede de distribución e establecer un plan analítico de seguimento.

No que se refire ás recomendacións sanitarias dirixidas a poboación xeral, mantéñense as restricións de uso xa establecidas, é dicir, non utilizar a auga nin para a inxesta (bebida ou preparación de alimentos), nin para o lavado de alimentos nin para a hixiene bucodental. Poderase empregar a auga para hixiene persoal (lavado de mans e duchas) así como para usos domésticos de limpeza.

En contornas nas que exista relación con persoas afectadas con gastroenterite, recoméndase, así mesmo, extremar e reforzar as medidas de hixiene persoal, especialmente o lavado de mans e a limpeza de superficies. As persoas con gastroenterite deberán absterse de manipular alimentos.

Por último, en función dos resultados analíticos que se obteñan ao longo destes días, avaliarase a posibilidade de adoptar medidas adicionais. A vindeira semana realizarase unha nova reunión de seguimento para ver a evolución da situación.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde