O SERGAS PUBLICA A RESOLUCIÓN PROVISIONAL DO CONCURSO DE TRASLADOS ABERTO E PERMANENTE DE 2023 PARA A CATEGORÍA DE MÉDICO DE FAMILIA DE PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2023


O Diario Oficial de Galicia​ publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se publica a relación definitiva de admitidos e excluídos, e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao 2023, do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas na categoría de médico de familia.

Este é o sexto ciclo deste proceso de concurso aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

O prazo para optar aos destinos ofertados neste ciclo anual finalizou o 13 de abril,  e en menos de dous meses publícase, con esta resolución, a baremación e adxudicación provisional de destino.

Participan neste concurso de traslados un total de  344 profesionais da categoría de médico de familia, na cal se ofertaron un total de 309 prazas.

Resultan adxudicatarios de destino con carácter provisional 157 aspirantes, o que supón preto do 46 por cento sobre o total de participantes. Do total de profesionais que acadan destino neste concurso, un total de 98 obteñen un dos cinco primeiros destinos solicitados.

Do total de participantes desta categoría de médico de familia, tres profesionais proceden de fóra de Galicia e son adxudicatarios de praza neste concurso de traslados.

As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Os concursantes admitidos dispoñen dun prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

As reclamacións presentadas entenderanse rexeitadas ou admitidas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolva definitivamente o concurso de traslados. 

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: concurso.traslados@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación. 

Próximas publicacións

Está previsto que, na primeira quincena deste mes, se publique a oferta de prazas para o resto de categorías de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, e se abra o prazo de 15 días naturais para modificar no seu formulario de participación a selección de prazas efectuada.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde