OS SERVIZOS DE UROLOXÍA DO SERGAS REALIZARON MÁIS DE 1.200 INTERVENCIÓNS COS ROBOTS DA VINCI DENDE A SÚA IMPLANTACIÓN NO 2021
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu aos profesionais de uroloxía do Sergas o seu enorme labor dende a posta en marcha dos robots Da Vinci, que se traduciu nas máis de 1.200 intervencións de uroloxía realizadas con esta nova tecnoloxía polo servizos de uroloxía da rede sanitaria pública galega. En concreto, na área de Lugo realizáronse 160 intervencións e, no que vai de ano, máis de 350 en toda Galicia. Así o detallou no acto de inauguración do XXXII Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía, onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz, e polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares Rico.

O titular da carteira sanitaria remarcou, tamén, que máis de 5.000 pacientes foron atendidos nas vías rápidas de cancro de vexiga e próstata durante o ano pasado en Galicia.

Comesaña dixo, así mesmo, que o seu departamento, grazas ao traballo conxunto cos oncólogos, urólogos, oncoloxía radioterápica e medicina nuclear, está a ultimar a actualización da ruta asistencial e de manexo do cancro de próstata no Sergas, co obxectivo de garantir un mellor diagnóstico temperá e o mellor tratamento posible con parámetros de evidencia e eficiencia en toda a poboación galega. Esta actualización vai en liña coa Estratexia de Xestión do Cancro 2022-2028 posta en marcha a finais do pasado ano.

Unidades de solo pelviano

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que, dende finais do pasado ano, “estamos inmersos nun proceso de desenvolvemento de unidades funcionais multidisciplinares de solo pelviano feminino en cada unha das áreas sanitarias”. Unidades que, -segundo dixo Comesaña-,” están a integrarse por un equipo de profesionais multidisciplinar que están a incorporar, como mínimo, a especialistas de xinecoloxía e obstetricia, rehabilitación, fisioterapeutas, matrona ou enfermeira e especialistas en uroloxía”. Para o seu funcionamento contarán cun comité clínico formado por especialistas de atención hospitalaria e de primaria, para garantir a transversalidade na continuidade de coidados.

Con estas unidades, -concluíu o conselleiro-, “queremos mellorar a atención ás mulleres con patoloxías de solo pelviano máis graves que precisan continuidade, apoio e seguimento tanto no ámbito hospitalario como no de primaria”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde