O SERGAS CONTA CON UNIDADES DA DOR EN CADA UNHA DAS ÁREAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, nunha xornada sobre dor oncolóxica que organiza a Sociedade Galega de Dor e Coidados Paliativos, que o Sergas conta con unidades da dor en cada unha das áreas sanitarias. A dor crónica, -remarcou o titular da carteira sanitaria-, “condiciona a calidade de vida dos que a padecen, pero tamén dos seus familiares, podendo, incluso incapacitar a unha persoa”. 

Segundo sinalou o conselleiro, quen estivo acompañado no acto polo xerente da área sanitaria, Javier Puente, a detección precoz, a intervención sobre factores de risco como o tabaquismo e os novos avances terapéuticos, “son factores decisivos no descenso da mortalidade producida polo cancro”. Un dos síntomas máis comúns relacionados con esta enfermidade e o seu tratamento é a dor, e o seu alivio e os coidados paliativos son prioritarios no programa mundial do cancro da Organización Mundial da Saúde.

Ao respecto, Comesaña incidiu en que Galicia presentou, en outubro do pasado ano, a Estratexia de xestión do cancro 2022-2028. Nela, dentro do seguimento e acompañamento dos pacientes oncolóxicos proponse o desenvolvemento de estratexias de mellora no manexo da dor oncolóxica tanto aguda, crónica e/ou paliativa. 

No que se refire á calidade e manexo asistencial do cancro e equidade do acceso, este documento propón o garante da participación de atención primaria como un axente máis nos procesos de cancro. Disto dedúcese, -dixo Comesaña-, “unha incorporación precoz dos coidados paliativos nos itinerarios de tratamento ao cancro”.

Tamén destacou que a nosa comunidade conta co Plan galego de hospitalización a domicilio, “que recibiu o premio ao mellor programa de atención domiciliaria a pacientes crónicos impulsado por unha comunidade autónoma”.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro puxo en valor o traballo realizado polo persoal sanitario e os familiares e destacou, tamén, a colaboración coas asociacións de pacientes que realizan un labor inestimable.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde