REUNIÓN DA SECCIÓN GALEGA DA ACADEMIA ESPAÑOLA DE DERMATOLOXÍA EN FERROL CON ALTA PARTICIPACIÓN DA ASF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 06 2023

​Especialistas de Dermatoloxía de toda Galicia reúnense onte e hoxe na 51 Reunión da Sección Galega da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía, en Afundación en Ferrol. A participación da Área Sanitaria de Ferrol como anfitrións é elevada, e presentan o 35% das comunicacións recibidas, tanto casos clínicos como estudos de series e revisión de evidencias. Abordábanse catro conferencias científicas na tarde de onte dedicadas á recuperación funcional e cutánea; ás novidades en dermatopatoloxía, xa que Anatomía Patolóxica é un ámbito fundamental nesta especialidade; ás úlceras e a súa abordaxe multidiciplinar; e á hidrosadenitis supurativa, o que se coñece como nódulos inflamatorios, e que afectan á calidade de vida do paciente. 

A participación ferrolá concrétase en cinco comunicacións. A dermatóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Elena Vicente Basanta, fai unha análise dunha serie de casos de Vasculopatía coláxena, que é unha microanxiopatía pouco frecuente, con aproximadamente 60 casos descritos na literatura ata a data, achegando dende Ferrol unha das series máis numerosas de pacientes. Caracterízase pola aparición progresiva de arañas vasculares (telanxiectasias), predominantemente en extremidades, que respectan zona facial e mucosas.

Esta patoloxía asociouse con diversas comorbilidades, principalmente hipertensión arterial (40% dos casos), enfermidade cardiovascular, dislipemia, diabetes mellitus (30% dos casos), síndrome metabólico e arritmias. É máis frecuente en pacientes polimedicados, e asociouse con algúns medicamentos máis especificamente. O diagnóstico diferencial debe establecerse con outras patoloxías que cursan tamén con telanxiectasias, como a telanxiectasia esencial xeneralizada; e debe facerse unha biopsia dado que son indistinguibles pola vista.

Así, os profesionais do CHUF presentan novos casos de vasculopatía coláxena diagnosticados en Ferrol, que se suman a outros recollidos coa colaboración de varios centros hospitalarios de Galicia e Asturias; e realízase unha análise das características demográficas e clínicas destes pacientes, coa fin de comparalas coas xa descritas na literatura. Conclúen que esta patoloxía é unha entidade pouco frecuente, aínda que probablemente infradiagnosticada, ó ser na maioría de casos asintomática e con un aspecto clínico moi similar a outras entidades.

Por outra banda, un caso clínico é o que presenta tamén a especialista do CHUF, Nieves Martínez Campayo, e, nesta ocasión, son as infeccións por micobacterias atípicas as protagonistas. Estas deben considerarse en pacientes con úlceras, nódulos ou placas indoloros, especialmente en contexto de inmunosupresión; e, en ocasións, poden pasar desapercibidas polas súas presentacións clínicas inespecíficas e pouco expresivas. No seu traballo, conclúen que as infeccións por micobacterias atípicas poden supoñer un reto diagnóstico e terapéutico xa que poden ter manifestacións clínicas inespecíficas e requiren tratamentos sistémicos con múltiples antibióticos e de longa duración. 

Xunto con isto, Pedro Gil Pallares, aborda as probas epicutáneas e a utilidade da dermatoscopia nestes casos á hora de diferenciar reaccións alérxicas de intensidade leve de reaccións irritativas, que pode chegar a ser difícil en certos casos. Recentemente algúns autores estudaron se estas reaccións, irritativas e alérxicas, presentan patróns dermatoscópicos característicos que permitisen orientar o diagnóstico dubidosos. Así, realizouse unha revisión da evidencia dispoñible e avaliouse de forma cualitativa a utilidade na práctica clínica habitual. Tras este estudo, concluíuse que a dermatoscopia pode ser unha ferramenta útil na avaliación das probas epicutáneas dubidosas e orientar o diagnóstico nalgunhas ocasións.

A dermatóloga Silvia Ojea Verona tamén traballou unha serie de casos, referidos nesta ocasión á reconstrución cirúrxica da orella. As orellas están con frecuencia expostas ó sol, polo que é unha rexión frecuente de tumores como o basocelular e o espinocelular, cun comportamento máis agresivo nesta localización. A súa reconstrución cirúrxica pode ser complexa debido á súa fina capa de tecido celular subcutáneo; as escasas zonas dadoras de pel, e ó sistema de convexidades e concavidades cartilaxinosas que o conforman. Nesta ocasión, fai entón un repaso anatómico e revisión das técnicas anestésicas e reconstrutivas máis representativas, segundo o tamaño do defecto, localización, morfoloxía auricular e pel adxacente, nunha serie de 11 casos cirúrxicos.

Conclúe que a reconstrución cirúrxica do pavillón auricular está condicionada por unha elevada frecuencia tumoral, a súa morfoloxía singular e unha variable complexidade técnica. Aínda que o peche en cuña e a curación natural continúan sendo de elección, a reconstrución mediante plastias é outra opción. Entre as súas principais vantaxes están preservar forma, tamaño e simetría achegando pel de igual cor e textura ao defecto xerado. O obxectivo final é a resección completa tumoral preservando funcionalidade e estética.

Por último, a dermatóloga Laura Taboada Paz fai referencia á densidade de Breslow, novo parámetro recentemente descrito que dá relevancia ó volume tumoral do melanoma. Neste senso, o índice de Breslow é considerado o factor prognóstico máis importante en pacientes con melanoma cutáneo invasor, pero hai outros parámetros que tamén inflúen como é a densidade de Breslow, que se define como a porcentaxe de dermis ocupado por células invasivas de melanoma. O fundamento deste enfoque, explican, é tentar mellorar a estimación do prognóstico en casos de melanomas co mesmo índice de Breslow. Preséntase un estudo observacional retrospectivo nunha cohorte de 106 pacientes, e os resultados obtidos apoian que a densidade de Breslow é un marcador morfolóxico útil e facilmente reproducible con valor prognóstico na estimación da supervivencia de pacientes con melanoma.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde