​A XUNTA REFORZA O EXERCICIO DA MEDICINA NO RURAL INVESTINDO EN EQUIPAMENTO DIAGNÓSTICO E FOMENTANDO INCENTIVOS PARA OS PROFESIONAIS EN POSTOS DE DIFÍCIL COBERTURA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 06 2023
 

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de entrega da II Beca de Medicina Rural da Asociación de Médicos Galegos e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, os investimentos en materia de equipamento diagnóstico e fomento de incentivos para os profesionais que exercen a medicina en postos de difícil cobertura, que está a realizar o Goberno galego. No acto, o conselleiro estivo acompañado do xerente da área sanitaria, Ramón Ares.

O responsable do Sergas sinalou que a Xunta adquirirá máis de 180 ecógrafos portátiles para atención primaria, dotados con tecnoloxía de intelixencia artificial, que irá guiando ao profesional para facer a mellor exploración posible. “Isto vai permitir chegar a que todos os servizos de atención primaria galegos dispoñan dun ecógrafo”.

Xunto ao anterior, Comesaña remarcou que a Xunta actualizará o equipamento diagnóstico na totalidade dos centros de atención primaria galegos, adquirindo novos dispositivos multidiagnóstico e dotando de equipos de probas rápidas a todos os servizos de primaria. “Somos conscientes do esforzo que fan os nosos profesionais e queremos ofrecerlles as mellores condicións para que poidan desenvolver o seu traballo  no eido do equipamento e nos das condicións laborais”.

“O exercicio profesional no rural é moi gratificante, pero tamén ten algúns inconvenientes, e iso hai que incentivalo”, -dixo o conselleiro-. Ao respecto Comesaña destacou que a Xunta leva tempo insistindo en que se reforme o Estatuto Marco do persoal sanitario para introducir esas vantaxes específicas para as prazas de difícil cobertura na lexislación nacional. 

Mentres iso non se produza, o responsable do Sergas incidiu en que a Xunta actúa e, no pasado ano, acordou, co consenso de todas as organizacións sindicais, o aumento de complementos para os médicos que traballan en centros de saúde illados ou de difícil cobertura. “Tamén foi a primeira comunidade en convocar prazas en propiedade mediante concurso de méritos para estes centros”.

Xunto ao anterior, Comesaña puxo en valor a implantación dos plans locais de saúde, “que son a folla de ruta estratéxica que transforma a atención primaria mellorando a saúde da poboación e a eficiencia do servizo, así como a satisfacción dos profesionais e a calidade e experiencia do paciente”.

Na súa intervención, o conselleiro felicitou aos galardoados e deu as grazas á Asociación de Médicos Galegos e á Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia, “por visibilizar, a través desta beca de medicina rural, experiencias que contribúen á mellora do noso sistema de saúde”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde