DOUS PREMIOS PARA PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL NO ENCONTRO GALEGO DE DERMATOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2023

​O Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol remata a 51 Reunión da Sección Galega da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía, que se celebraba esta fin de semana en Ferrol, con dous premios. Un primeiro premio para o mellor artigo científico publicado no pasado ano 2022; e un segundo premio no referente ás mellores comunicacións orais do encontro dos dermatólogos galegos. 

O primeiro premio ó mellor artigo publicado no pasado ano 2022 foi para un traballo sobre o melanoma e as técnicas de predición das súas mutacións, que a dermatóloga Olalla Figueroa publicaba no Appl inmunohistochem Mol Morphol. O melanoma é un dos  cancros de pel menos frecuente pero é o que máis mortalidade asocia. Os melanomas inícianse a raíz de mutacións en xenes promotores de crecemento, como por exemplo BRAF. 

Ademais, existen tratamentos dirixidos especificamente á sua inhibición (inhibidores de BRAF), polo que coñecer o estado da mutación é fundamental. En concreto, está presente nun 40-60% dos melanomas cutáneos primarios. A presenza de BRAF avalíase mediante PCR ou inmunohistoquímica, pero son técnicas custosas. Dermatoloxía do CHUF plantexa o emprego de algoritmos e intelixencia artificial para afinar esa predición.

Os especialistas realizaron un estudo observacional e retrospectivo nun grupo dun total de 106 pacientes con melanoma, co obxectivo de predicir o estado mutacional de BRAF mediante técnicas de intelixencia artificial. Acoutaron tamén unha serie de indicadores e variables válidos axudadas por esa Intelixencia Artificial. A capacidade de interpretación dos modelos mostra que as variables máis importantes para estimar a probabilidade de mutación BRAF son a idade, espesor de Breslow, e a densidade de Breslow. Usando as citadas técnicas e algoritmos, proponse un modelo simplificado para predicir o estado mutacional de BRAF, empregando só 7 variables clínico-histolóxicas. 

Volume tumoral do melanoma

O melanoma e a densidade de Breslow son protagonistas tamén no segundo dos galardóns acadados. Así, consegue un segundo premio no ámbito das comunicacións orais o traballo da dermatóloga Laura Taboada Paz, que fai referencia á densidade de Breslow, que é un novo parámetro recentemente descrito que dá relevancia ó volume tumoral do melanoma. Neste senso, o índice de Breslow é considerado o factor prognóstico máis importante en pacientes con melanoma cutáneo localizado, pero hai outros parámetros que tamén inflúen como é a densidade de Breslow, que se define como a porcentaxe de dermis ocupado por células invasivas de melanoma. 

O fundamento deste enfoque, explicaban neste encontro galego a fin de semana, é tentar mellorar a estimación do prognóstico en casos de melanomas co mesmo índice de Breslow. Presentábase un estudo observacional retrospectivo nesta mesma cohorte de 106 pacientes, e os resultados obtidos apoiaban que a densidade de Breslow é un marcador morfolóxico útil e facilmente reproducible con valor prognóstico na estimación da supervivencia de pacientes con melanoma.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde