En 2022, aínda saíndo dunha longa pandemia,
en Ourense once persoas e as súas familias, por medio
dos equipos sanitarios da Unidade de Coordinación de Transplantes do Hospital
Universitario, fixeron posible un dos actos máis solidarios e altruístas, dicindo
sí á doazón, e repartindo vida a corenta e dous persoas que se beneficiaron dun transplante de órganos.
A doazón de órganos e tecidos tamén fixo posible que o Servizo de
Oftalmoloxía realizara trinta e seis transplantes de cornea, intervención que
permite recuperar ata nun 80% a visión,
e se realiza integramente no Hospital Universitario de Ourense, como os de membrana
amniótica, tecido osteo-tendinoso e hematopoiético. Unha actividade que permitiu realizar 93 procedementos de transplante na nosa provincia e fora.
Ourense mantén así unha taxa, difícil valorar só con números, que
alcanza desde o pasado ano as mellores cifras da última década, cada vez máis
preto da media galega, que con 47,6 doantes por millón de habitantes, supera xa a media de España (46,3), á súa vez líder mundial.
Nos últimos anos o aumento do número de doantes de órganos en
Ourense, é constante, pasando de 3 en 2018 e 2 en 2019, a 7 en 2020 e 11 en
2021 e 2022, e no que vai de ano 6. Un importante traballo que sitúa ao
Hospital Universitario de Ourense como o cuarto hospital de Galicia en número
de doantes, tras Santiago, A Coruña e Vigo, os dous primeiros acreditados para
transplante.
Perder oportunidades de salvar vidas
O primeiro motivo de perda de doantes, en todo o mundo, é non
detectar ás persoas que poderían selo. Evitar a perda de órganos viables para
transplante é sempre unha cadea de acontecementos, baixo o risco de que se
acabe rompendo polo fío mais débil. Nada pode quedar en mans da improvisación.
Converter cada posibilidade nunha realidade é tarefa de moitos.
Dirixindo este proceso, en Ourense está Jesús Priego, do Servizo de
Medicina Intensiva, que coordina este complexo engrenaxe que permite dar novas
esperanzas ás persoas que esperan un
transplante. Non é fácil no medio
da dor dunha familia apelar á solidariedade, nin para unha familia inmersa na
dor aceptar este reto solidario e altruísta, pero xuntos é posible manter a
cadea de solidariedade que converte ao sistema español nun referente mundial.
Pese a que non hai idade límite para ser doante, nos últimos anos o
envellecemento poboacional e os avances da cirurxía reduciron as posibilidades
de doazón, ata que desenvolvemento dunha nova técnica para manter a
viabilidade: a doazón en asistolia controlada (Maastricht tipo III), que se
comezou a aplicar en Ourense de xeito precoz e o pasado ano 2022 foi por vez
primeira a maioritaria na nosa Área Sanitaria.
En 2022 producíronse dez negativas familiares á doazón, aspecto no
que é clave o traballo de información e difusión que se realiza desde o equipo
de transplantes, en estreita colaboración coas asociacións de pacientes, que
coñecen ben as dificultades e esperanzas dos que agardan por un transplante.
Nesta coordinación que salva vidas, hai que destacar tamén a
estreita colaboración con outros servizos do hospital, para implementar tamén a
doazón de tecidos, que permite que Ourense sexa o segundo hospital de Galicia
que máis doantes exclusivamente de córneas achegou ao banco de tecidos
autonómico.
Coincidindo co Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, a
Asociación Alcer Ourense instalará hoxe unha mesa informativa, á que se
achegarán o xerente, Félix Rubial, e
parte do equipo coordinador en Ourense da ONT (Organización Nacional de Transplantes)
Estrella Pérez e Estefanía Prol, representando ao mais dun centenar de profesionais
implicados en Ourense neste solidario proceso.