UNHA SOA DOAZÓN NA ÁREA SANITARIA DE FERROL SALVA OU MELLORA A CALIDADE DE VIDA DE SEIS PERSOAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 06 2023

​Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol e integrantes da Asociación Alcer conmemoraban xuntos esta mañá o Día Mundial do Doante, que se celebra hoxe mércores 7 de xuño. Unha soa doazón na Área Sanitaria de Ferrol salva ou mellora a calidade de vida de seis persoas. Esta é a realidade do pasado an 2022. Nesta Área, a media de doazóns está en dúas anuais, pero con esas dúas doazóns pódense salvar ou mellorar ata entre 16 e 20 vidas. Días como o de hoxe, serven para dar as grazas ós doadores e recordar a importancia de doar órganos, subliñaron esta mañá no andar baixo do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Quixeron das visibilidade a este acto altruísta, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo; o xefe do Servizo de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro; e a facultativa da UCI do CHUF María José Castro Orjales, que se sumaban hoxe á campaña de Alcer. Por parte de Alcer estiveron presentes o seu presidente, Rafael Rodríguez; a tesoureira, María José Brion; e Ángela Breijo, traballadora social de Alcer Coruña na delegación de Ferrol. “Todos somos potencialmente doantes”, e “a persoa ou a súa familia faiche un regalo para salvar vidas”, son algunhas das cuestións que se destacaban esta mañá.

Como doar e que órganos se poden doar

A mellor maneira para asegurar que exista a oportunidade de vida que ofrecen os transplantes é facerse doante. A tarxeta de doante é un documento que se solicita e formaliza en vida sen compromiso legal. Pero a súa utilidade é expresar de maneira escrita o testemuño de desexo de doar. Non obstante, o máis importante é que a familia coñeza ese desexo, xa que os médicos sempre a van consultar e poderán referendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás. 

Esta tarxeta expídese en institucións públicas como a Consellería de Sanidade ou o Complexo Hospitalario, por exemplo; privadas, como algunhas asociacións de pacientes; e, tamén, a través do espazo web da Área Sanitaria de Ferrol, onde se ofrece información sobre a doazón, as preguntas más frecuentes, onde doar, ou como facer a tarxeta de doador https://ferrol.sergas.gal/Paxinas/web.aspx?tipo=paxlct&idTax=5014. Neste ámbito, facilítase información e números de contacto. Sempre é gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo, xa que se pode anular sempre que o titular o desexe.

Os órganos que se poden doar son os riles, o fígado, o páncreas, o corazón, os pulmóns e o intestino. E os tecidos, as córneas; pel; óso, cartilaxes e tendóns; vasos sanguíneos (arterias e veas); válvulas cardíacas; sangue e os proxenitores hematopoéticos (da medula ósea, do sangue periférico e do sangue de cordón umbilical); e a membrana amniótica da placenta. Pódese ser doante en vida ou tralo falecemento.

Nefroloxía súmase un ano máis a este día

O Servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol soe sumarse en colaboración coa Asociación Alcer ós días Mundiais relacionados coa doazón de órganos.  Un dos obxectivos é sempre concienciar sobre a prevención para non chegar a precisar un tratamento renal substitutivo, entre os que figuran o transplante renal. A insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo. Máis da metade das consultas por enfermidade renal crónica teñen a súa orixe en enfermidades evitables, como a diabetes e a hipertensión. Por isto son tan importantes as medidas de prevención na poboación xeral e a detección precoz en persoas en idade avanzada, con hipertensión, diabetes, pacientes con enfermidade cardiovascular en xeral, ou con historia familiar de enfermidade renal. 

Incidir, polo tanto, nas medidas xerais de prevención: exercicio físico a tódalas idades e evitar o sobrepeso; dieta san, con restrición do consumo de sal e graxas saturadas; non fumar; e limitar o consumo do alcohol. A enfermidade renal ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadios. O importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar o súa progresión. Na actualidade, na Área Sanitaria ferrolá, un total de 19 persoas comezaron o tratamento renal substitutivo crónico durante o pasado ano 2022; e, a 31 de decembro dese ano, un total de 283 persoas están en diálise ou transplantadas, (18 en diálise peritoneal, 124 en hemodiálise, e 141 transplantados).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde