​COMESAÑA SALIENTA A INTEGRACIÓN DO ‘PROXECTO BLOOD’ NO CONXUNTO DE HOSPITAIS GALEGOS NO 33º CONGRESO DA SOCIEDADE ESPAÑOLA DE TRANSFUSIÓN DE SANGUE E TERAPIA CELULAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 06 2023
 
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde en Santiago de Compostela o 33º Congreso da Sociedade Española de Transfusión Sanguínea e Terapia Celular (SETS). Un evento no que puxo en valor a integración do ‘Proxecto Blood’, no conxunto de hospitais que integran a Rede de Hemodoazón e Hemoterapia de Galicia.

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia acolle desde hoxe, e ata o vindeiro 10 de xuño, a reunión de prestixiosos expertos e profesionais dos ámbitos da hemodoazón e a terapia celular, co ánimo de abordar os últimos avances producidos nestas especialidades.

Acompañado pola directora da ADOS, Marisa López García -hoxe en calidade de presidenta do Comité Organizador-, o titular de Sanidade remarcou a importancia que ten o ‘Proxecto Blood’ na Sanidade galega, á hora de acadar a optimización do control dos stock dos hemoderivados. Neste senso, destacou que o deseño integral desta iniciativa permite garantir a trazabilidade durante todo o proceso, desde a obtención da doazón do sangue, ata o momento da súa transfusión.

García Comesaña tamén subliñou que malia que España é un dos países con mellores taxas de doazón de órganos e sangue, “é preciso garantir o relevo xeracional de doantes”, cualificándoo este feito, como “un dos maiores retos a afrontar polas administracións sanitarias, de cara os vindeiros anos”.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade remarcou a importancia que terá a futura posta en marcha do Centro de Produción de Terapias Avanzadas (Car-T). Unha infraestrutura que situará a Galicia como referente no eido das terapias celulares. “ Se todo vai ben, agardamos que no último trimestre do ano, este centro xa estea funcionando en fase de probas”, precisou.

Galicia, epicentro da Hemodoazón e Hemodinámica

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é responsable de que capital galega  acolla por segunda vez -e tras 26 anos- o Congreso da Sociedade Española de Transfusión Sanguínea e Terapia Celular (SETS), un dos foros médico-científicos de maior prestixio a nivel nacional. 

Ao longo das súas tres xornadas, alternaranse un total de dez simposios, con máis de trinta conferencias,  ao redor dos ámbitos da hemodoazón, a hemoterapia e a terapia celular. Ademais, desenvolverase o programa educacional “Hemoterapia urxente. Que debemos coñecer?”, e tamén un obradoiro de Inmunohematoloxía e de Patient Blood Management (PBM).

Na xornada do venres 9, impartirase como Lección Conmemorativa Profesor Ricardo Castillo, a intervención do Dr. Eduardo Muñiz do Banc de Sang i Teixits de Barcelona sobre “Pacientes e doantes con grupos sanguíneos pouco comúns. Unha viaxe no tempo”. E no sábado, terá lugar a presentación oficial da campaña da Organización Nacional de Trasplantes (ONT) “Un match por una vida”, que se desenvolve en colaboración coas distintas comunidades autónomas e que tenta achegar a importancia vital da doazón de medula ósea.

Así mesmo, ao longo do Congreso, terán lugar comunicacións orais presentadas por profesionais da hemodoazón e a  terapia celular de distintos centros de traballo de toda España; e desenvolverase unha exposición de pósters científicos. 

Ao acto inaugural desta tarde, tamén asistiron o alcalde de Santiago en funcións, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; o presidente da SETS, o Luis Larrea González, e o responsable da área de Sangue de ADOS e presidente do Comité Científico do Congreso,  José Agustín Costa.

Lembrar, así mesmo, que unha unidade móbil de ADOS estará no recinto do Palacio de Congresos, o venres 9 en horario das 09:30 ás 14:30 horas, para que todos os congresistas que desexen doar podan facelo.

Para máis información ou consultar o programa completo, se pode acceder á web oficial do congreso, www.sets2023.com, ou á páxina web da Axencia, ados.sergas.gal.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde