​O SERGAS PUBLICA A OFERTA DE DESTINOS DO CONCURSO DE TRASLADOS ABERTO E PERMANENTE 2023 PARA A PROVISIÓN DE PRAZAS BÁSICAS DE PERSOAL ESTATUTARIO SANITARIO E DE XESTIÓN E SERVIZOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 06 2023
  

O Diario Oficial de Galicia (DOG)​ vén de publicar a resolución coa oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2023 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, -salvo para a categoría de médico de familia- que xa se publicou a relación definitiva de admitidos, puntuación e destinos provisionalmente adxudicados o día 2 de xuño.

Ofértanse un total de 7.510 prazas das que, 672 corresponden a persoal facultativo de atención especializada, 101 a persoal facultativo de atención primaria, 3.256 a persoal diplomado sanitario, 1.910 a persoal sanitario de formación profesional e 1.571 a persoal de xestión e servizos.

Con esta resolución ábrese un prazo de 15 días naturais (entre o 9 e o 23 de xuño, ambos inclusive) para poder realizar as modificacións que se estimen oportunas na selección inicial de destinos (engadir novos destinos, eliminar destinos seleccionados inicialmente, modificar a orde de preferencia dos destinos solicitados...). 

No caso de que a solicitude se garde sen ningún destino seleccionado, esta excluirase do ciclo de adxudicación en curso. Así mesmo, no caso de realizar varias modificacións, sempre se tomará como válida a última presentada por rexistro electrónico. Se non se desexa realizar ningunha modificación na selección inicial, non se terá que realizar ningunha operación por parte dos participantes.

A oferta con información do número de vacantes e resultas estará tamén dispoñible no formulario de inscrición no proceso. As modificacións que se realicen deberán asinarse electronicamente con certificado dixital, e non requirirán a entrega de ningunha documentación adicional.

Este é o sexto ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia a conciliación da vida laboral e familiar dos/das profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde