​A CONSELLERÍA DE SANIDADE COMEZA UNHA CAMPAÑA DE COMUNICACIÓN -MEDIANTE ENVÍO DE SMS- PARA INFORMAR Á POBOACIÓN SUSCEPTIBLE DE VACINARSE FRONTE AO HERPES ZÓSTER E O PNEUMOCOCO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 06 2023
 

A Dirección Xeral de Saúde Pública  inicia unha nova campaña de comunicación -mediante o envío de SMS-, para informar á poboación susceptible de vacinarse fronte ao Herpes Zóster e o Pneumococo, da posibilidade de solicitar cita para a administración destas vacinas, así como de toda a información dispoñible sobre as súas indicacións.

Neste senso, desde o vindeiro luns 12 de xuño, os centros de saúde comezarán coa administración da nova vacina antipneumocócica conxugada 20 valente (VNC20) Apexxnar®, de xeito sistemático nas persoas de 65 anos, ademais de vacinación nas persoas con condicións de risco (de 18 e máis anos). 

Ademais, as persoas que así o soliciten tamén poderán recibir a vacina fronte ao herpes zóster (Shingrix®) como vacinación sistemática,  entre a poboación xeral que cumpra no 2023, 65 anos e 80 anos (nados en 1958 e 1943).

Para favorecer que as persoas ás que lles correspondan estas indicacións as coñezan, e ademais facilitar o acceso a información dispoñible sobre estas infeccións, a poboación diana recibirá unha comunicación -vía SMS-, por parte da Consellería de Sanidade. Así mesmo, tamén poderán solicitar a súa cita polas canles habituais no seu centro sanitario e recibir a/as vacina/as que lle correspondan. 

Calendario de vacinación ao longo de toda a vida 

O pasado 15 de setembro de 2022, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade presentou o “Calendario de vacinación ao longo de toda a vida”, do que forman parte estas dúas vacinas, destinadas á inmunización e protección dos adultos fronte a dúas enfermidades inmunoprevibles habituais no noso medio.

A vacinación fronte a enfermidade pneumocócica ten unha longa traxectoria na nosa comunidade autónoma, iniciándose no ano 2000 para todas as persoas de 65 anos, e tamén para as pertencentes a grupos de risco. Así, sufriu diferentes cambios a medida que se foron modificando as indicacións da vacina, ata que no ano  2017, se estendeu á indicación para todas as persoas ao cumprir 65 anos.

Malia que xa formaba parte do calendario galego como vacina trecevalente, a principal novidade fronte á enfermidade pneumocócica na nosa comunidade é a súa substitución pola VNC20 (Apexxnar®). Unha nova vacina que contén 20 polisacáridos capsulares pneumocócicos conxugados, tendo algúns destes novos serotipos especial relevancia epidemiolóxica na enfermidade pneumocócica do adulto. 

A medida tenta ampliar e mellorar a protección fronte a enfermidade pneumocócica, sobre todo fronte as súas formas máis graves: pneumonía, meninxite ou sepse que xeran máis patoloxía, ingresos hospitalarios e incluso poden ser mortais, contribuíndo ademáis a reducir o uso de antibióticos e as súas resistencias. 

Pola súa banda, no caso da vacina fronte ao herpes zóster, trátase dunha nova vacina que entra a formar parte do calendario galego e que vai destinada a dous grupos de persoas: as que cumpren neste ano 65 anos  (nadas en 1958)  e 80 anos (nadas en 1943). 

O herpes zoster (HZ) é unha enfermidade de baixa mortalidade, pero frecuente e con maior incidencia nas persoas de máis idade e que aumenta de maneira considerable coa presenza de inmunodepresión. As súas complicacións, sobre todo a neuralxia postherpética, poden ocasionar discapacidade e diminución da calidade de vida, constituíndo un importante problema de saúde pública.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde