PREMIO PARA A UROLOXÍA DO CHUF POR UN ESTUDO SOBRE A EVOLUCIÓN DOS TUMORES DO TRACTO URINARIO SUPERIOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 06 2023

​A profesional do Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Laura Iglesias Fresco, recibía o premio á mellor comunicación no encontro que reúne a profesionais deste especialidade de toda Galicia, na reunión da Sociedade Galega de Uroloxía, que tiña lugar en Lugo a pasada fin de semana. O traballo premiado fai referencia á identificación dos factores relacionados coa supervivencia ou con novas lesións en pacientes con tumores do tracto urinario superior, tratados mediante nefrourecterectomía radical (extracción do ril e o uréter por laparoscopìa), e que presentaron “progresión oncolóxica”, entendida como recidiva ou metástase.

Esta profesional realizou unha análise multivariada de 139 casos de pacientes con tumores do tracto urinario superior no Complexo ferrolá e cales deles tiveran unha progresión oncolóxica, isto é unha recidiva ou unha metástase. O obxectivo é coñecer cales son as variables que coinciden neses casos para poder facer prevención secundaria e adaptar os distintos tratamentos.

Coñecer para poder actuar

Así, a uróloga Laura Iglesias revisou tódolos casos tratados con neoplasias do tracto urinario superior no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, entre os ano 1993 e 2022, que foron eses 139. Fixo un estudo retrospectivo e unha análise multivariada dun grupo de 72 pacientes que tiñan este cancro, e que evolucionou nese citado proceso oncolóxico, ben cunha recidiva local (tumor na zona da vexiga ou leito do ril, por exemplo), recidiva a distancia (na vía urinaria do outro ril, por exemplo), ou unha metástase, lesión noutro lugar alleo ó tracto urinario.

Para este traballo, empregou unha serie de ferramentas analíticas para acoutar que factores se asociaban coa supervivencia e cales con esa mencionada progresión oncolóxica. No seu traballo conclúen que os pacientes con esa progresión asócianse de xeito estatisticamente significativo cunha insuficiencia renal previa á cirurxía, tamén cunha uropatía obstrutiva preoperatoria, ou ben cunha morfoloxía macroscópica ou microscópica determinada tanto polo urólogo como en colaboración co Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo.

Ó coñecer estas cuestións investigadas, explican, pódese aplicar o que se denomina prevención secundaria, e actuar sobre eses factores ou variables de xeito específico, ou adecuando os distintos tratamentos existentes ás características dos pacientes. Esta profesional pensa que este traballo puido ser galardoado polos especialistas de Uroloxía no encontro galego “por ser un estudo de bastante poboación, unha serie de casos grande para un hospital mediano; e porque coñecendo os factores que poden facer que os pacientes evolucionen mal poidamos vixialos máis estreitamente”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde