​XUNTA E UNIVERSIDADE DE VIGO MONITORIZAN OS NIVEIS DE POLE EN GALICIA A TRAVÉS DA REDE GALEGA DE AEROBIOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 06 2023
 


A Consellería de Sanidade e a Universidade de Vigo continúan a desenvolver a Rede Galega de Aerobioloxía, co obxectivo de monotorizar os niveis dos principais tipos polínicos alergóxenos da atmosfera das principais cidades galegas.

Neste senso, durante a mañá hoxe, a subdirectora xeral de Programa de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato Naveiras, e o catedrático da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo, realizaron unha toma de mostras nun dos 5 captadores de partículas de pole cos que conta a comunidade galega, neste caso, no emprazado na contorna da Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago (USC).  

A Rede Galega de Aerobioloxía botou a andar no ano 1988 e, desde o ano 2016, conta coa colaboración da Consellería de Sanidade. Así dispón dunha serie de captadores de control aerobiolóxico que permiten a elaboración de mapas, informes e predicións do contido polínico atmosférico na Comunidade Autónoma Galega. Deste xeito, e coincidindo cos meses de maior incidencia alerxénica -entre os meses de marzo e agosto- levaranse a cabo medicións en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, co obxecto de predecir que acontecerá na seguinte semana. Toda esta información pódese atopar de forma actualizada na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública a través do seguinte enderezo​:

https://www.sergas.gal/Saude-publica/Informacion-polinica

No marco das competencias atribuídas á Consellería de Sanidade, é unha función esencial, dentro da misión da Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP), o desenvolvemento de actuacións comunitarias para o control dos riscos de enfermar asociados aos determinantes de saúde. Entre estas actuacións atópase o control aerobiolóxico, polo seu grande interese clínico debido á capacidade alerxénica do pole na atmosfera. 

Segundo a World Allergy Organization (WAO), aproximadamente o 24% das persoas sofren na actualidade algún tipo de alerxia causada por partículas biolóxicas, como o pole. Así, agárdanse importantes incrementos desta porcentaxe cara os vindeiros anos, por mor do cambio climático e a contaminación. Polo tanto, desde o punto de vista da saúde pública é moi importante coñecer os niveis de pole na atmosfera, como indicadores de risco nos doentes alérxicos.

Esta información é moi útil para os profesionais sanitarios e a poboación afectada, porque poderán adoptar medidas para evitar ao máximo a exposición ao pole e tamén prescribir o tratamento profiláctico máis axeitado en cada momento.

Este mes de xuño é o momento de maior risco no ano para as persoas alérxicas en Galicia, xa que se atopan en floración as gramíneas, que é o tipo de pole con maior incidencia alerxénica na comunidade. As predicións indican que as dúas vindeiras semanas serán de especial risco alerxénico, polo que as persoas sensibles deben evitar a exposición e tomar as medidas profilácticas máis axeitadas. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde