No Día Europeo do Cancro de Pel –que se
conmemora mañá- o Servizo de Dermatoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e
Valdeorras alerta da importancia de protexerse da radiación solar, principal
factor de risco deste cancro cunha incidencia que representa un terzo do total de enfermidades oncolóxicas,
afortunadamente, cunha porcentaxe de curación superior ao 95% e que en Ourense
xera ao redor de mil intervencións anuais.
Os tumores máis frecuentes son os carcinomas
basocelulares, que supoñen en Ourense o 60% dos cancros de pel e máis de 600
intervencións. Os carcinomas
basocelulares aparecen normalmente nas áreas expostas ao sol, especialmente en
cabeza e pescozo. Neles, a metástase é rara, non si o crecemento local pode ser
moi destrutivo. Poden ulcerarse e alternar períodos de aparente curación o que
evita, erroneamente, a consulta co
médico.
Os segundos máis habituais son os carcinomas
de células escamosas, aproximadamente 2 de 10 dez casos de cancro de pel.
Orixínanse na parte externa da epidermis e, ao igual que os basocelulares,
aparecen nas áreas do corpo expostas ao sol: na cara, as orellas, os beizos ou
no dorso das mans. Xeralmente pódense extirpar por completo, pero son máis
propensos a estenderse cara ás capas máis profundas da dermis. En Ourense xeran
200 intervencións anuais.
O Melanoma é, afortunadamente, o menos
frecuente pero tamén o mais grave. En 2022 diagnosticáronse na nosa área
sanitaria 61 casos, dun total de 268 sospeitas que orixinaron a apertura dunha
vía rápida, circuíto rápido que permite confirmar e intervir antes dun mes
desde que o seu médico de cabecera inicia este proceso.
Tras o aumento en xeral dos distintos tipos de
cancro de pel podería estar o cambio de hábitos con respecto a exposición ao
sol. Factores como os raios UV, o aumento dos viaxes de “sol e praia” todo o
ano, ou incluso o deporte ao aire libre e conseguintemente o aumento das horas
de exposición xunto cunha deficiente ou nula protección da pel, cun filtro
solar axeitado.
Cinco ou máis queimaduras ao longo da vida
Moi especialmente na infancia e adolescencia,
para previr a aparición destes cancros a clave é a protección do sol, cubrindo
a pel con roupa e sombreiros a pel e un axeitada crema fotoprotectora. Trátase
de reducir o nivel de radiación e evitar as queimaduras solares, directamente
relacionadas coa aparición de tumores de pel en anos posteriores.
De feito, os riscos de desenvolver melanoma
duplícanse naquelas persoas con cinco ou mais queimaduras solares ao longo da
súa vida. Lamentablemente, a maioría o descoñece ou réstalle importancia a este
risco porque os seus resultados aparecen a longo prazo, coincidindo coa idade
adulta ou a vellez.
Ourense: Alerta no campo e na construción
Precisamente pola exposición prolongada e
intensa ao sol, case sempre sen protección, en Ourense, os carcinomas
basocelulares e os de células escamosas son moito mais frecuentes entre persoas
que traballaron ao ar libre, no campo ou na construción -combinado coa pel clara, a máis habitual en
Galicia- xa que ambos tipos de tumores relaciónanse directamente coa
acumulación durante anos de radiación ultravioleta. De feito, a súa aparición é
mais frecuente nas zonas mais expostas ao sol, como a cara ou pescozo.
Igualmente, distintos estudos relacionan o
melanoma con episodios de rápida e intensa exposición ao sol, con queimaduras
graves, como cando aparecen bochas. Outros factores de risco, son os
antecedentes familiares, o tipo de pel ou ter gran número de lunares grandes no
corpo. Velaí a importancia de cambiar os hábitos de exposición incontrolada,
reducindo así un factor de risco que se pode modificar.
En xeral os cancros de pel son fáciles de
previr e tamén relativamente sinxelos de diagnosticar precozmente, tendo conta
o amplo desenvolvemento da dermatoscopia en Atención Primaria e a boa
coordinación co Servizo de Dermatoloxía grazas a Teledermatoloxía, a
e-interconsulta e a existencia da vía rápida de melanoma. Por iso desde o
Servizo de Dermatoloxía lamentan que algúns deles continúan a diagnosticarse en
fases avanzadas.