MÁIS DE 11.400 PERSOAS CONCORRERÁN AOS EXAMES DE OPOSICIÓN DO SERGAS QUE SE CELEBRARÁN OS DÍAS 24 E 25 DE XUÑO EN SILLEDA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 06 2023
 

O Diario Oficial de Galicia (DOG), publica na súa edición de hoxe, o anuncio polo cal se fai público o lugar, data e hora de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de enfermería, que terán lugar o vindeiro 25 de xuño.

Os vindeiros días 24 e 25 de xuño, un total de 11.439 persoas concorrerán  aos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías do Servizo Galego de Sáude.

Así, na quenda de mañá do sábado 24, o Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda acollerá desde as 9,00 horas ás 704 persoas aspirantes correspondentes ás categorías de ATS/DUE, Inspector/a médico/a, Licenciado/a en ciencias Químicas e Farmacéutico/a Inspector/a de saúde pública. 

Na quenda tarde, outros 485 opositores realizarán desde as 16,00 horas as probas correspondentes ás categorías de licenciado/a en farmacia,  licenciado/a en medicina e cirurxía, licenciado/a en ciencias biolóxicas,  licenciado/a en psicoloxía e subinspector/a sanitario/a.

Xa na xornada do 25 de xuño, desde as 10,00 horas da mañá un total de 10.101 persoas optarán a algunha das 1.556 prazas de Enfermería ofertadas pola xunta nesta convocatoria e, outras 149, realizarán a proba selectiva para á clase de inspector/a farmacéutico/a. 

Aspirantes xestantes e outras adaptacións

Co obxectivo de facilitar a realización das probas, as aspirantes que desexen exercer o dereito de lactación terán a súa disposición unha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto, acondicionada con microondas, cambiador, etc. Tamén, se o precisan, poderán solicitar realizar a lactación durante a realización dos exercicios.

Neste último caso, así como no das profesionais en situación de embarazo, que poidan estar ingresadas o mesmo día do exame e desexen acollerse ao previsto no punto 8.1.7 das bases da convocatoria, deberán poñerse en contacto coa dirección de oposiciones@sergas.es para que lle informen do procedemento. 

Por outra parte, as persoas xestantes cuxo parto coincida coa realización das probas deberá comunicalo ao Servizo Galego de Saúde para solicitar a realización do exame nunha data alternativa, que sempre será dentro dos 15 días seguintes a esta data.

No caso dos aspirantes aos que se lle concedeu algunha adaptación de posto por motivos de saúde, limitacións físicas ou psíquicas realizarán a entrada pola porta 0.

Complexo dispositivo organizativo e  transporte especial

Se ben na xornada do sábado se examinarán 1.189 persoas, o domingo 25 de xuño o Recinto Feiral de Silleda acollerá a 10.250 persoas aspirantes, o que obriga a Xunta a despregar un importante e complexo dispositivo organizativo para garantir o correcto de desenvolvemento das probas.

Para esta xornada, a Xunta habilitará os pavillóns 1, 2 e 8 do Recinto Feiral de Silleda, o que conlevará a apertura de 42 portas de acceso. Así, un total de 230 persoas colaboradoras do Sergas participarán nas tarefas organizativas das probas. O devandito dispositivo completarase con efectivos da Garda Civil, Policía Nacional e Autonómica, Protección Civil, 061, e persoal da Fundación Semana Verde de Galicia.

Na mesma liña, para facilitar o desprazamento das persoas aspirantes ata o Recinto Feiral Internacional de Silleda, a empresa Mombus porá en marcha un servizo especial de transporte desde diferentes puntos de Galicia. 

Este contará cun total de 9 liñas que conectarán Silleda desde 17 concellos de toda a xeografía galega: (A Coruña, Chantada, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago, Verín, Vigo, Xinzo de Limia). O horario das saídas programadas e a compra anticipada de billetes pódense consultar na seguinte ligazón: Servicios especiales para las oposiciones de Enfermería en Silleda- Noticias - Monbus ​

Protocolo das medidas organizativas no desenvolvemento das probas

As persoas aspirantes deberán situarse ás horas indicadas na porta de acceso que lle corresponda, e acudir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

Ademais, a acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas realizarase a través de código QR. Para elo, cada aspirante terá á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e), desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR, que deberá imprimir e presentar o día do exame ao persoal colaborador da porta que lle foi asignada, e que lle permitirá o acceso ao interior do lugar de realización das probas.

O código QR conterá información do lugar, a data e a hora de realización dos exercicios, así como a porta de acceso que corresponde a cada aspirante. Co obxecto de axilizar a entrada ao recinto, a persoa aspirante debe ter á man ambos os documentos: código QR e documento de identidade. Non se lles permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas aos/ás aspirantes que non presenten o código QR impreso.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde