​COMESAÑA SALIENTA O ESTUDO DA CARDIÓLOGA MARTÍNEZ MONZONÍS SOBRE A UTILIDADE DOS BIOMARCADORES PROGNÓSTICOS, NA ENTREGA DOS IV PREMIOS RAMIRO CARREGAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 06 2023
 

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu esta tarde no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, a entrega do IV Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía, que na presente edición recaeu na doutora Amparo Martínez Monzonís.

Martínez Monzonís é cardióloga no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e preside a Asociación de Imaxe Cardíaca da Sociedade Española de Cardioloxía. Xunto con ela, forman parte do equipo gañador Ana García Campos, Brais Díaz Fernández, Violeta González Salvado, Sonia Eiras Penas e Ramiro Trillo Nouche. 

Así, o seu proxecto "Estudo de marcadores prognósticos na insuficiencia tricuspídea (IT) significativa na era do tratamento percutáneo: o papel das técnicas de imaxe cardíaca avanzada e a graxa epicárdica", vén de ser galardoado cun premio que conta cunha dotación  de 30.000 euros, e galardón acreditativo.

Durante o acto, o titular de Sanidade rescatou as palabras da propia galardoada para explicar que este innovador estudo “pretende comprobar a utilidade dos biomarcadores para saber en que doentes é recomendable pasar por quirófano, e que considera clave poder determinar o papel da graxa epicárdica”.

García Comesaña agradeceu a doutora e ao conxunto de membros do seu equipo o desenvolvemento dunha investigación que se poderá trasladar á praxe diaria no Servizo Galego de Saúde e que “terá unha repercusión directa na experiencia dos pacientes”.

O conselleiro salientou o traballo deste equipo investigador indicando que “Galicia sente este premio como seu, porque o recibe un dos nosos”, porque permitirá “seguir a mellorar a atención que ofrecemos aos galegos e galegas”, e con este obxectivo, desde a Xunta “seguiremos apoiando aos profesionais que innovan e investigan”. 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde