DIAGNOSTICÁRONSE CASE 200 MELANOMAS NA ÁREA SANITARIA DE FERROL NOS PASADOS ANOS 2021 E 2022
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 06 2023

​ Case 200 melanomas diagnosticáronse entre os pasados anos 2021 e 2022 na Área Sanitaria de Ferrol. O Día da Prevención do Cancro de pel celébrase hoxe 13 de xuño; e, dende o Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, dan conta de todo o que as persoas poden facer para evitar estes cancros, sobre todo o máis agresivo, o melanoma. Existen múltiples cancros cutáneos, cada un coas súas particularidades e prognósticos, expoñen os dermatólogos da Área, Olalla Figueroa e Alejandro Vilas Sueiro. 

Estes profesionais explican que se adoita a dividir o cancro de pel en melanoma e non melanoma, que son principalmente o carcinoma basocelular, o máis frecuente dos cancro de pel, e o carcinoma espinocelular. Pola súa banda, o melanoma é pouco frecuente pero é o máis agresivo e letal. Este tipo de cancro de pel aumentou a incidencia nos últimos anos, aínda que a mortalidade mantense estable grazas ó diagnóstico precoz e ás novas terapias das que se dispón para o seu tratamento.

Segundo o tipo de cancro de pel hai distintos perfiles de pacientes. O cancro cutáneo non melanoma adoita ser máis frecuente en pacientes de idade avanzada que recibiron moita exposición solar ou que estiveron sometidos a tratamentos que diminúen as defensas. Pola súa banda, o melanoma afecta a pacientes de menor idade, de pel branca, con historia de queimaduras solares na infancia, ou presenza de múltiples lunares. 

“A maioría dos cancros ‘cúranse’ cunha cirurxía que realizamos no Servizo de Dermatoloxía. Os máis avanzados ou que presentan complicacións compren doutros tipos de tratamento dos que, na maioría dos casos, dispoñemos no noso hospital”, explican estes profesionais.

Que facer para previr un cancro de pel 

Tal e como se quere subliñar por este Día da Prevención do Cancro de pel, a maioría dos cancros están relacionados coa exposición solar; polo que a protección e a limitación do tempo expostos é a intervención máis importante que se pode facer. De xeito más concreto, débense consultar aquelas lesións que teñan datos de alarma: crecemento rápido, sangrado, ou úlceras ou feridas que non curan, por exemplo.

Entro os coidados más habituais que se debería ter en conta de cara ó verán figura a xa mencionada limitación da exposición solar e, sobre todo, evitar as horas centrais do día, que en Galicia abrangue ata as 17:00. Xunto con isto, “usar a regra da sombra e evitar estar expostos cando a nosa sombra sexa moi curta; evitar o uso de cabinas ultravioletas; protexernos cando imos á neve ou á montaña, e cando fagamos actividades deportivas, non só na praia”. 

Estes especialistas en Dermatoloxía inciden en que hai que facer uso de medidas de protección físicas: roupa de protección, sombreiros e gorras, ou roupa de baño con factor de protección. “Se usamos cremas solares, recordar repetir a aplicación, sobre todo se suamos, facemos deporte ou nos bañamos; e empregar a cantidade adecuada de crema. Todo isto especialmente na infancia”, remarcan.

Dermatoscopia Dixital

Lembrar que a Área Sanitaria de Ferrol dispón dende o ano 2017 da Dermatoscopia dixital, que permite almacenar imaxes de dermatoscopia mediante unha cámara asociada a un ordenador con un software específico. Así, pódense rexistrar imaxes de lunares e comparalas nas sucesivas visitas. Os pacientes candidatos ó uso desta técnica son os que presentan alto risco de melanoma, por exemplo, pacientes portadores de mutacións que predispoñen o melanoma, ou pacientes que padeceron múltiples melanomas. 

Ademais, dende o Servizo de Dermatoloxía de Ferrol, estanse a realizar dende hai dous anos unhas xornadas formativas nas escolas e institutos de hábitos saudables en relación coa protección solar. 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde