​A XUNTA RECIBE SOLICITUDES DE PERSOAL MÉDICO DOUTRAS COMUNIDADES PARA INCORPORARSE Á ATENCIÓN PRIMARIA GALEGA A TRAVÉS DE CONCURSO DE MÉRITOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 06 2023
 


“A Xunta de Galicia está a recibir solicitudes de persoal médico doutras comunidades para incorporarse á atención primaria da nosa comunidade a través de concurso de méritos”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara.

Tal e como detallou Comesaña, por segunda vez consecutiva a Xunta convocou por concursos de méritos prazas de facultativo especialista en atención primaria para cubrir 72 prazas en centros de saúde de difícil cobertura e, pechado o prazo de solicitudes, recibiu máis de 230. Moitas delas, -explicou o conselleiro-, de persoal que elixira outros centros máis atractivos “pero que, con estas novas condicións, sí optan por estas prazas”.

Outras das solicitudes son de persoal que estaba en urxencias e de residentes que rematan este ano a súa formación, así como de profesionais que agora están a traballar noutras comunidades como Asturias e Navarra, “e que Galicia conseguiu atraer grazas a este sistema”.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria incidiu en que a Xunta xa advertira ao Ministerio de Sanidade sobre os problemas dun sistema de elección de prazas MIR que volveu deixar, por segundo ano consecutivo, prazas vacantes en toda España. Unha advertencia que o conselleiro xa lle fixera á ministra Carolina Darias e que lle reiterou ao actual responsable do Ministerio de Sanidade, José Miñones. 

Comesaña lembrou a este respecto que as comunidades autónomas tamén pediran a eliminación da nota de corte do exame, por vela sen sentido nunha situación como a actual de déficit de especialistas, e constatou que a negativa do Goberno de España a suprimila ten provocado que máis de 1.900 médicos titulados (un 15% dos inscritos) non puideran optar a elixir praza e a ocupar algunha das que quedaron vacantes.

Medidas da Xunta

Namentres o Ministerio non toma medidas, o conselleiro remarcou que “Galicia fixo o maior incremento da súa historia en prazas de formación sanitaria especializada”. En concreto, en medicina familiar e comunitaria “pasouse de 88 prazas que convocara en 2009 o goberno bipartito ás 207 que constan na oferta da Xunta para este ano”. Un esforzo que hai que agradecer, -incidiu Comesaña-, a centos de profesionais que exercen a titoría destes residentes.

Precisamente para eles esta mesma semana entra en vigor o novo decreto de formación sanitaria especializada de Galicia, “que inclúe vantaxes en horarios, acceso a formación, promoción interna e mesmo carreira profesional ao persoal que exerce labores docentes”, -dixo o responsable do Sergas-, quen lamentou que o esforzo do persoal docente así como o esforzo económico que fai a Xunta, con 70 millóns de euros para financiar a oferta, ao final se vexan frustrados “por un desastroso sistema de elección de prazas MIR organizado polo Ministerio de Sanidade”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde