RUEDA CELEBRA QUE AS DOAZÓNS DE SANGUE EN GALICIA SE INCREMENTASEN EN MÁIS DUN 50 % NOS ÚLTIMOS 30 ANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 06 2023
 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebra que as doazóns de sangue en Galicia se incrementasen en máis dun 50 % nos últimos 30 anos. O titular do Goberno galego participou no acto de conmemoración do Día mundial do doante de sangue, no que se celebrou tamén que a Comunidade galega cumpra tres decenios organizando campañas para animar a doar e salvar vidas.

O mandatario galego, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu a “xenerosidade e a solidariedade” da sociedade galega, a terceira Comunidade autónoma con maior número de doazóns, acadando o índice que a Organización Mundial da Saúde marca para fixar o autoabastecemento e ter reservas de sangue suficientes para atender as necesidades propias. “Somos un país solidario en doazón de órganos e de sangue, o que quere dicir que somos un bo país”, indicou Alfonso Rueda.

A celebración do Día mundial do doante de sangue coincidiu co 30 aniversario do inicio das campañas postas en marcha en Galicia para animar aos cidadáns a facerse doantes. Neses tres decenios, as doazóns anuais se incrementaron nun 50%, ao pasar das 69.000 do ano 1993 ás 106.000 do ano 2022. En total, os galegos e as galegas fixeron máis de tres millóns de doazóns de sangue. Un “mérito” de toda a cidadanía, ao entender do presidente da Xunta, pero tamén froito dun apoio institucional decidido.

Recoñecementos

No acto que tivo lugar na Cidade da Cultura tamén se recoñeceu o labor de particulares, empresas e colectivos involucrados na doazón de sangue, como unha acción simbólica de agradecemento a toda a sociedade galega. Na categoría de concellos, os galardoados foron os que rexistraron máis doazóns en cada provincia, exceptuando as grandes cidades: Ribeira, Viveiro, Verín e Vilagarcía de Arousa, ademais de Melide pola súa colaboración. O compromiso das forzas armadas quedou reflectido na homenaxe á Escola Naval Militar de Marín e á Brigada Galicia VII Brilat do cuartel xeral de Morillo (Pontevedra), en tanto que na categoría de empresas foron recoñecidas Stellantis Vigo, Grupo Inditex, Jealsa, Coren, Finsa, GKN Driveline, Gadisa, Alcoa e Frinsa. 

As tres universidades públicas galegas -USC, UDC e UVigo- así como os centros de ensino CIFP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña), CIFP Politécnico de Lugo, CIFP A Carballeira de Ourense, IES Politécnico de Vigo e IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela, xunto coa Asociación de Estudantes de Medicina ME.I.GA, o CPI Pluriligüe Arquitecto Palacios e o Centro de Educación Especial de Panxón completan unha listaxe na que tamén figuran entidades deportivas como o Obradoiro CAB de Santiago de Compostela, o CB Breogán de Lugo e o Racing Club de Ferrol, así como os influencers Pedro Nimo, Juan Domínguez, Lucía Pérez e Isabel Garrido, xunto co humorista, actor e presentador Roberto Vilar. 

Tamén foi recoñecida a Federación de Irmandades de Doadores de Sangue e os doantes anónimos que protagonizan a campaña de sensibilización de Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS).

O presidente da Xunta agradeceu a colaboración de todos eles como “unha representación moi variada da sociedade galega”, á que animou a seguir achegándose ás unidades móbiles e aos centros de doazón para seguir salvando vidas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde