​A XUNTA PUBLICA AS SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE CARÁCTER SOCIOSANITARIO NO ÁMBITO DOS TRASTORNOS MENTAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 06 2023


O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Consellería de Sanidade, pola que se publican as subvencións concedidas para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais. Para o financiamento desta axudas está contemplado un crédito por un importe total de 1.234.422 euros, con cargo aos orzamentos xerais da Xunta para este ano. Do importe total, preto de 500.000 euros proceden dos fondos consignados no Plan de saúde mental poscovid19 para o presente ano.

A convocatoria deste ano aumentou en preto de 200.000 euros as cifras da anterior convocatoria, o que representa incremento dun 20% respecto da de 2022. A evolución ascendente destas axudas ten suposto máis que duplicar a súa contía desde a posta en marcha do Plan de Saúde Mental de Galicia.

Mediante esta orde de subvencións aglutínanse a maior parte das axudas do Servizo Galego de Saúde ao trastorno mental, financiando programas estratéxicos para avanzar na mellora da saúde mental da poboación galega.

O incremento máis notable de financiamento corresponde á liña de programas de prevención do suicidio, que pasa de ser de 400.000 euros fronte aos 100.000 da convocatoria anterior. O departamento sanitario galego considera necesario incidir nos programas de prevención e detección de risco de suicidio así como de sensibilización cidadán e de capacitación de profesionais neste eito, prestando maior atención aos colectivos máis vulnerables, menores e anciáns.

Ademais deste incremento antes sinalado, incorpóranse dúas tipoloxías de programas aos subvencionados na convocatoria anterior, os destinados á sensibilización e educación de familias, centros educativos, institucións e empresas para a promoción do uso seguro e responsable das tecnoloxías para a relación, a información e a comunicación; e os orientados á promoción do benestar, a atención ás dificultades e a prevención de situacións de desatención e soidade non desexada, particularmente no colectivo de persoas maiores, achegando recursos e servizos para previr, detectar e intervir ante estas situacións.

Esta incorporación de novas tipoloxías é consecuencia de que, no vindeiro ano, segue a ser necesario un apoio especial a todos os tipos de trastornos mentais incluídos os aditivos, que dean resposta ás necesidades das persoas con trastorno mental e adiccións, patoloxías que incrementaron a súa predominancia tras a pandemia da covid-19.

Actuacións subvencionadas

As actuacións subvencionadas no marco da Orde de axudas hoxe publicada teñen unha enorme repercusión, posto que permiten desenvolver proxectos de obras de reforma para servizos de atención a persoas con trastornos mentais e/ou adictivos; e de obras de conservación de centros e servizos de atención a doentes con estes trastornos.

Tamén posibilitan a adquisición de subministracións, equipamento e vehículos que faciliten a prestación de servizos a estes pacientes; de atención domiciliaria a persoas con trastorno mental severo e aos seus achegados; e de apoio emocional aos que teñan un trastorno mental severo, coidadores e achegados.

Igualmente, permiten realizar actividades de prevención e promoción da saúde mental e os estilos de vida saudables dirixidos a persoas con trastorno mental e os seus coidadores; de redución do estigma da enfermidade mental; de información, orientación e asesoramento sobre saúde mental en recursos especializados; de protección da saúde mental infantil; ou de capacitación do voluntariado dirixidos a quen padeza un trastorno mental severo.

Asemade, posibilitan proxectos de formación de profesionais de entidades de iniciativa social orientados a mellorar a capacitación na detección de persoas en risco de presentar un trastorno mental; de apoio psicosocial aos que padecen trastorno de personalidade e os seus achegados; e, ademais, de trastornos da conduta alimentaria.

Xunto ao anterior, as actividades subvencionadas posibilitan programas sociosanitarios de rehabilitación de persoas afectadas por ludopatía e adicción alcohólica; os dirixidos á procura de emprego das persoas cun trastorno mental ou aditivo; os de inserción social e laboral para aqueles con problemas xurídicos con trastornos mentais ou aditivos; de atención xurídico social aos que padecen trastorno mental severo; ou os de sensibilización cidadá no ámbito do suicidio.

As actuacións subvencionadas tamén abranguen a prevención selectiva sobre poboación en risco; así como a capacitación a profesionais sociosanitarios na identificación e protocolos de actuación no caso de risco de suicidio.

Nas axudas concedidas, a liña 1, referida a proxectos de investimento en melloras nos centros sanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais ou preventivos en materia de trastornos mentais, incluídos os adictivos, as entidades ás que se lle conceden axudas son: Asociación Andaina pro saúde mental; Fundación Lar; Asfedro; Federación de asociacións de familiares e enfermos mentais de Galicia; Fundación Monte do Gozo e a Asociación cidadá de loita contra a droga.

Na liña 2, de programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo, as subvencións concedéronse á Federación de asociacións de familiares de enfermos mentais de Galicia; a Emaus Fundación Social; á Fundación educativa e social Dignidade; a Cruz Vermella Española; á Asociación Lar pro saúde mental de familiares, amigos e enfermos mentais; Provivienda; Fundación Lar pro saúde mental; Morea, Doa saúde mental; Asociación para a saúde emocional na infancia e na adolescencia; Asociación cidadá de loita contra a droga; Instituto galego xestión para o terceiro sector; Aliad Ultreia; Itínera; Asociación de bulímicos e anoréxicos da Coruña; Cáritas de Santiago, Érguete Vigo; Alume; Ingada; Albores; Xaruma; Asociación galega para a asistencia e investigación dos trastornos de personalidade; Agalure; Asociación galega de xogadores anónimos e Lenda.

Na liña 3, de programas de prevención do desenvolvemento de contornas protectoras no ámbito dixital e prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións, as entidades que se subvencionan son Cáritas Santiago; Rede Araña; Érguete; Agalure; Asociación cidadá de loita contra a droga; Luis Miguel Morás; Lar pro saúde mental; Adiante; Axuda integral santiaguesa do alcohólico; e a Asociación galega de xogadores anónimos.

Na liña 4, de programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais, as entidades con subvención son: Érguete; Cáritas; Provivienda; Asociación cidadá de loita contra a droga; Itínera; Agalure; Xaruma; Alume; Albores;  Rede Araña; Andaina; Asfedro; Asociación ex alcohólicos de Ferrolterra.

Na liña 5, de programas de prevención de suicidio en poboación xeral, as entidades que se subvencionan son Cruz Vermella Española; Federación de asociacións familiares e enfermos mentais de Galicia; Cáritas; Asociación cidadá de loita contra a droga; Alume; Agalure; Avelaiña; Érguete Vigo; Lar Pro Saúde Mental; Asociación saúde mental A Mariña; Albores; e Alar Galicia.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde