GALICIA CONVÉRTESE NA PRIMEIRA COMUNIDADE EN RESOLVER O CONCURSO DE MÉRITOS DE PERSOAL DE ENFERMERÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 06 2023

O Diario Oficial de Galicia​ publica, publíca, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se fai público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de enfermeira, relativo á baremación definitiva e á publicación das aspirantes definitivamente seleccionadas. Deste xeito, Galicia é a primeira comunidade autónoma en resolver o concurso de méritos para a categoría de enfermería, no proceso de estabilización derivado da Lei 20/21 de 28 de decembro. 

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, de aplicación a todas as Administracións Públicas, ten por obxecto reducir a taxa de emprego temporal, establecendo que os procesos selectivos de estabilización deben estar resoltos a 31 de decembro de 2024. O Servizo Galego de Saúde, en só catro meses dende o fin do prazo de inscrición do proceso, ten publicado as persoas seleccionadas definitivas na categoría de enfermeira.

A resolución de convocatoria deste proceso de estabilización publicouse no Diario Oficial de Galicia o pasado mes de xaneiro, rematando o prazo para presentarse neste proceso selectivo o 16 de febreiro, procedendo a Administración sanitaria a publicar as puntuacións provisionais o 21 de abril. Logo da revisión das reclamacións polo tribunal, publícase no Diario Oficial a baremación definitiva.

Neste proceso resultan admitidas 2.768 aspirantes. Do total de seleccionadas, 427 accederon pola quenda de acceso libre e 32 pola quenda de discapacidade. Inclúese en dito anexo a puntuación desagregada nos distintos apartados do baremo e os datos numéricos utilizados nos criterios de desempate. Do total de participantes neste proceso, un 86,88 % están vinculadas actualmente no Servizo Galego de Saúde. Das aspirantes seleccionadas, o 95,21% tamén están vinculados actualmente. 

O 90,6% das persoas participantes neste proceso selectivo son mulleres, obtendo praza o 92,81% delas.

A lista coa puntuación definitiva da fase de concurso atópase publicada, por orde de puntuación e quenda de acceso, a disposición dos usuarios na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o resultado da baremación definitiva pode ser consultado no apartado de procesos en FIDES/expedient-e. 

Presentación de documentación

Coa publicación desta resolución ábrese o prazo dun mes, que finaliza o próximo 17 de xullo, para que as aspirantes seleccionadas presenten a seguinte documentación: declaración de non ter sido separada do servizo mediante expediente disciplinario de calquera servizo de saúde ou Administración pública; certificado médico; certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos de non ter sido condenada por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual; e a declaración de non ter a condición de persoal estatutario fixo da categoría de enfermeira.

As aspirantes da quenda de discapacitados, de ser o caso, deberán presentar ademais a documentación que acredite que seguen mantendo esta condición.

Co obxecto de facilitar a súa presentación, porase a disposición das aspirantes, na páxina web do Servizo Galego de Saúde no apartado de emprego público, os modelos de declaración e de autorización de consulta de datos no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos.

Deberán presentar a documentación indicada, tamén as aspirantes de reserva que figuran no ANEXO II da resolución que hoxe se publica, en previsión de que algunhas das persoas aspirantes seleccionadas non poidan ser nomeadas por non aportar a documentación requirida, dotando así dunha maior axilidade ao proceso, ao contar xa coa documentación dos que poderían ser novas seleccionadas, evitando ter que abrir un novo prazo que ampliaría o proceso nun mes máis.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico onde as aspirantes poden dirixir dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Unha vez acreditada a documentación, se ofertarán os destinos a elixir nas institucións sanitarias galegas para posteriormente tomar posesión das prazas adxudicadas. 

O persoal que non tiña obtido praza fixa por este procedemento ten, nos próximos días, a posibilidade de acceder á praza fixa como funcionario estatutario a través da superación das probas previstas en Silleda para o día 25 de xuño e a superación dos méritos de concurso oposición. En total, 2.014 prazas de enfermeira para acceso como persoal fixo no sistema sanitario público de Galicia. 

Nos vindeiros anos,  convocaranse novos procesos selectivos coa finalidade de redución de emprego temporal. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde